Lugo, 11 de marzo de 2021. “O apoio dos senadores socialistas galegos a que o Goberno declare o lobo especie protexida é un exemplo de que o PSOE en Galicia non é de fiar”. Así o indica o senador José Manuel Barreiro logo de que os representantes do PSOE no Senado votasen en contra da iniciativa do PP, a diferenza do que fixeron os seus compañeiros na Cámara do Hórreo, onde si apoiaron a proposta do Grupo popular.
“Esta é a hipocresía dos socialistas que en Galicia fan unha cousa e, en Madrid, outra”, afirma, pois a proposta dos populares ía encamiñada a conquerir o apoio dos grupos para paralizar a orde ministerial de aplicar esta protección a este animal e, por tanto, evitar con elo “os enormes prexuízos” que causa, fundamentalmente, á gandaría en extensivo da provincia.
“Abandonaron aos nosos gandeiros”
Por este motivo, Barreiro considera que os senadores galegos do PSOE “abandonaron aos nosos gandeiros”. “Deberían de explicarlles por que no Parlamento galego votan unha cousa e no Senado outra, incorrendo nesta contradición”. Pola contra, “dende o PP, advirte, seguiremos defendéndoos e trasladando a importancia de que se poña coto á incidencia deste animal”.
Os populares continuaron así coa defensa dos intereses dos gandeiros de Galicia e da provincia, en particular, fronte á postura dos socialistas que, por certo, foi tamén a mesma que a do PSOE da Deputación de Lugo. Nesta última administración, os deputados da formación vermella tamén se opuxeron á iniciativa do PP, demostrando con elo que os intereses do seu partido están por riba do sector agrogandeiro.
Unha orde rexeitada polo sector
Os populares lucenses pedían así que o Goberno central tivese en conta as alegacións presentadas polas Comunidades Autónomas, os Concellos e os sindicatos agrarios ao proxecto de orde ministerial promovido polo Executivo de Sánchez de incluír todas as poboacións de lobo de España no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).
A oportunidade deste cambio na catalogación actual do lobo xustifícase por parte do Ministerio para que esta ferramenta (o Lesrpe) se manteña actualizada coa mellor información científica dispoñible, en cumprimento dos acordos adoptados na Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade celebrada o pasado 4 de febreiro. Sen embargo, esta afirmación non pode sosterse tendo en conta que a posición das comunidades ante os dous órganos nos que están representadas a efectos de consulta (Comité de Flora e Fauna Silvestres, e Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade), foi sempre contraria á inclusión, por carecer de base científica e de toda xustificación da necesidade dunha protección adicional do lobo ao norte do Douro, con respecto á que xa está vixente.
O obxectivo da orde ministerial impulsada polo ministerio é modificar o anexo do Real Decreto 139/2011 para o desenvolvemento do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas. Na actualidade, no Lesrpe só están incluídos de oficio polo Ministerio os exemplares de lobo ibérico localizados ao sur do río Douro pero se a devandita orde sae aprobada, incorporaríanse todas as poboacións españolas de Canis lupus.
Esta inclusión dificultaría moito, na práctica, a xestión da especie que veñen realizando nos últimos anos as comunidades lobeiras por excelencia (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, que concentran o 95% dos exemplares de lobo de todo o país). De feito, na nosa Comunidade, como xa defendeu a administración autonómica, hai garantías de que a explotación realizada sobre esta especie foi e é compatible co mantemento da mesma nun estado de conservación favorable, algo que o ministerio pretende agora alterar. Dado o incremento significativo dos danos producidos polo lobo na Comunidade e na provincia, en particular, a problemática social asociada á especie podería derivar en problemas de conservación a longo prazo; de aí que a Xunta de Galica, a través do Plan de xestión específico do lobo, que ten como fin principal garantir unha poboación estable da especie na Comunidade e, ao tempo, compatibilizar a súa existencia coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, xa estea adotando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos que se producen.
Gabinete de Comunicación