Santiago de Compostela, 16 de marzo, 2021. José Manueul Balseiro (PPdeG) defende o incremento das posibilidades de pesca da frota galega de Gran Sol nas augas compartidas co Reino Unido, de tal xeito que, como mínimo, quede blindado o mantemento da actividade pesqueira neste caladoiro durante o resto do ano. Os populares apoian a decisión da Xunta de solicitar un aumento das cotas asignadas neste caladoiro, tanto no referente ao reparto feito no primeiro trimestre como tamén no conxunto de 2021. Na actualidade, está vixente un acordo provisional de reparto de cotas nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido que debe ser renegociado nun encontro bilateral entre este país e a Unión Europea.
O deputado popular reclama, unha vez máis, ao Goberno central que Galicia teña presenza na representación de España nas futuras negociacións de cotas co obxectivo de que a comunidade galega sexa escoitada. Balseiro lembra que, ademais dunha maior experiencia negociadora, Galicia posúe máis do 70% das cotas españolas en augas británicas. Para o PP sería disparatado que volva a producirse o que aconteceu co bipartito cando, unha comunidade sen mar -Estremadura- formou parte da comisión que o Goberno central socialista levou a Europa para negociar sobre asuntos de pesca.