Site icon Crónica3.com A Mariña

Axudas para a compra de vivenda nos cascos históricos da provincia, entre eles os de Mondoñedo, Lourenzá, Viveiro e Ribadeo

Lugo, 19 de marzo de 2021. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de convocar axudas para a compra de vivenda nos cascos históricos, co fin de facilitar o asentamento de poboación e contribuír á recuperación social destes barrios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe ata A Tinería, no municipio da capital, onde lembrou que poden acceder a estas achegas as persoas interesadas en adquirir vivendas nos trece cascos históricos declarados na provincia: En Castro de Rei, Chantada, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Ademais, subliñou Arias, en Mondoñedo a contía da axuda elévase ata os 15.000 euros, dado que é unha das tres áreas Rexurbe declaradas a data de hoxe en Galicia, xunto coas da Coruña e Ribadavia. Nos demais casos, os apoios serán de ata 12.800 euros por vivenda para os compradores menores de 35 anos, e de 10.800 euros para os maiores desa idade. Terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

Esta é a terceira convocatoria deste programa, e conta cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación do ano pasado. As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 1 de setembro.

Novidades da terceira convocatoria
Unha das principais novidades desta convocatoria é que se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende a consideración de potencial beneficiario ao conxunto dos galegos. Tamén o incremento previsto no suposto de que a vivenda estea situada nun ámbito declarado Área Rexurbe -figura recollida na Lei de rehabilitación- independentemente da idade do beneficiario.

Outra gran novidade da orde de axudas deste ano refírese aos requisitos económicos de acceso, medida coa que se busca tamén ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Neste sentido, o límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90% dos fogares galegos, co fin de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario e máis concretamente, á realidade do custo da vivenda nos centros históricos.

Estas axudas enmárcanse no chamado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada previamente cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.

Dáse así un paso fundamental para impulsar as políticas de vivenda e rehabilitación en Galicia de cara aos vindeiros anos dunha forma consensuada e en sintonía coas demandas existentes en materia de vivenda.

Exit mobile version