Site icon Crónica3.com A Mariña

Avances para trasladar a escola oficial de idiomas a Celeiro

Viveiro, 12 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro anuncia que avanza positivamente nas negociacións coa Tesourería Xeral da Seguridade Social para o traslado da Escola Oficial de Idiomas á antiga escola de Celeiro. Este traslado posibilitaría ademais construír a Residencia de Aspanane para persoas con discapacidade intelectual.

Dende o Concello de Viveiro resaltan que, malia o tempo esperado pola tramitación do traslado, o procedemento está actualmente encauzado. O goberno local está a procurar a mellor opción para ter canto antes unha proposta concreta e resaltan a importancia de chegar a un acordo para os fins aos que o Concello quere dedicar o edificio.

Puntualízase ademais que a cesión propiamente dita non é posible por razóns legais. Isto débese a que a lexislación da Seguridade Social non é a mesma que a lexislación do resto da administración do Estado, dado que ten as súas propias especifidades.

Actualmente a Tesourería está ultimando unha proposta que trasladará en breve ao Concello de Viveiro, quen agarda que sexa un proxecto viable para dedicar o edificio aos cometidos sociais que planean. O goberno local recorda que existe un diálogo aberto e que a negociación está en marcha para atopar unha solución e subliñan ademais que existen outras opcións.

Ademais, a xestión implica o traslado da Escola Oficial de Idiomas, que pertence a Educación e polo tanto depende da Xunta de Galicia. Polo tanto, dende o Concello de Viveiro entenden que a administración autonómica colaborará no proceso, como xa o anunciara nun primeiro momento.

O goberno local pretende con esta actuación trasladar a Escola Oficial de Idiomas e humanizar un edificio emblemático, sobre todo para os veciños e veciñas de Celeiro, dándolle vida tanto ao propio inmoble como a toda esa zona.

Con este traslado, o Concello de Viveiro pretende tamén que se poida construír a Residencia de Aspanane para persoas con discapacidade intelectual. Dende o goberno local destacan ademais a necesidade desta residencia a nivel comarcal.

A pesar de que as xestións para o traslado da Escola Oficial de Idiomas á antiga escola de Celeiro prolongáronse máis do previsto, dende o executivo local destacan que nunca se deixou de traballar por buscar unha solución a esta cuestión.

Exit mobile version