Foz, 11 de marzo de 2021. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, confirmou aos responsables do Concello de Foz que este departamento da Xunta está a traballar nos trámites para conseguir a Declaración de Impacto Ambiental necesaria para construír a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Teresa Gutiérrez mantivo unha xuntanza telemática hoxe, xoves, co alcalde focense, Fran Cajoto; co primeiro tenente de alcalde, Francisco Fanego, e cunha técnica de medio ambiente do Concello de Foz.
Fran Cajoto explicou: “mantivemos unha reunión coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, a quen lle agradecemos a atención. O principal motivo do encontro era o estado de tramitación da nova EDAR de Foz. Sabemos que agora mesmo, sobre todo nos picos de poboación cando máis xente acude á nosa vila, hai vertidos de augas sen depurar á ría, que está dentro da Rede Natura 2000 e é zona ZEPA de especial protección para as aves. Un entorno natural que hai que coidar, o que non se está facendo a día de hoxe. Trasladounos que aínda non responderon ao requirimento de Costas, pero Augas de Galicia está traballando. Está a piques de chegar un informe de Patrimonio Cultural, con el remitirase toda a documentación pertinente ao organismo ambiental para a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que é un paso fundamental porque indica que ese proxecto é viable desde o punto de vista do medio ambiente”.
O alcalde engadiu que “unha vez que a DIA estea emitida procederase á licitación do proxecto e da obra. E o Concello quere ser partícipe dese proxecto construtivo para garantir que o conxunto da obra sexa o mellor para todas as veciñas e veciños de Foz”.
Na reunión coa directora de Augas de Galicia tamén trataron o estado das concesións das depuradoras de Fazouro, de Cangas e de Nois, que “por problemas de tramitación con Costas non están a día de hoxe legalizadas. Esperamos que se resolva e que contemos co apoio de Augas de Galicia, técnico e económico, porque son os que teñen experiencia, son os que fixeron esas obras e son os garantes de que se cumpran todas as prescricións medioambientais. Necesitamos esa axuda e brindámonos a colaborar en todo o sexa necesario. As liñas de teléfono están abertas e a colaboración entre as administracións é fundamental para que un proxecto das características da nova depuradora de Foz, que é tan importante para o concello, salga adiante. E así o esperamos”.