Viveiro, 24 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro informou a semana pasada da tramitación do procedemento de contratación para sacar a licitación a concesión de catro novos postos da Praza Municipal de Abastos de Viveiro.
No Boletín Oficial da Provincia do día de hoxe, 24 de marzo, sae publicado o anuncio para dita concesión cos seus requisitos. O prazo para a presentación de proposicións remata o venres 7 de maio ás 14:00 horas.
“Desde o anuncio de hoxe esperamos captar o interese para optar aos postos, as prazas de abastos sempre foron motores do comercio local e con este proceso queremos contribuír á dinamización das instalacións, ademais de reactivar a economía do concello”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.
Estes catro postos, con medidas que oscilan entre os 6,5 e os 15,79 m2, deben destinarse á venda de produtos de alimentación en xeral, entendéndose por tales os peixes e mariscos; carnicería; panadería; froitas e verduras; charcutería; pastelería; produtos gourmets, queixos, chacinas, salazóns e conservas; viños, aceites, froitos secos, froitos do bosque, encurtidos e ultramarinos, ou conxelados.