Lugo, 31 de marzo de 2021. Unha e outra vez queda de manifesto a falta de vontade de transparencia coa que procede o bigoberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, no desempeño das súas funcións e tamén a súa falta de eficacia na xestión. Os deputados populares comprobaron por enésima vez no pleno celebrado o pasado martes como a solución dos problemas non chega, se retrasa unha e outra vez, co que se xeran dificultades a moitos lucenses. As pobres explicacións dadas polo goberno en relación con problemas laborais de persoal que traballa para servizos públicos e de pagos pendentes a clubs deportivos son dúas mostras máis da afección de socialistas e nacionalistas a practicar o escurantismo para tratar de tapar o enorme déficit de xestión ao fronte da Deputación.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “No pleno celebrado pola corporación provincial no día de onte, o grupo do Partido Popular, ademais de defender dúas mocións, presentou un rogo e unha pregunta. A pregunta era sobre a situación laboral das traballadoras da limpeza dos parques de bombeiros do Consorcio Provincial, dirixido pola Deputación de Lugo, porque levan meses sen cobrar e é algo que nos preocupa moito”. Engade: “O goberno da Deputación apenas respondeu, mostrou despreocupación absoluta. É algo que entendemos, porque é o día a día deste goberno, que ten xente sen cobrar ben sexa por contratas directas ou indirectas, pero ten a responsabilidade de que esa situación laboral se corrixa o antes posible”. O portavoz popular tamén di: “A verdade é que temos que agradecer a profesionalidade do persoal dos parques dos bombeiros, tanto dos propios bombeiros como do resto dos traballadores e traballadoras, porque ao final esas dificultades non se notan na calidade do servizo; instamos á Deputación de Lugo a que canto antes solucione este problema laboral”.
Segundo lembra Castiñeira, os populares na máis recente sesión plenaria expuxeron un rogo, “a petición dos clubs de fútbol que non cobraron as cantidades correspondentes a Copa Deputación do ano pasado”. Sinala: “Neste caso, é a delegación de Deportes, que leva o BNG, a que non é capaz de resolver este problema. Os clubs necesitan eses cartos para afrontar unha tempada complexa, como todo o mundo sabe. Esperemos que en próximas datas o BNG corrixa a súa mala xestión e pague o que debe aos clubs de fútbol, que necesitan canto antes estes recursos”.