Trátase de ampliar o punto de vista sobre estes espazos tan frecuentados por veciños e visitantes poñendo o foco en divulgalos tamén como espazos naturais cuxos segredos, neste caso xeolóxicos, normalmente pasan desapercibidos.
Entre os lugares que se van poder visitar nesta xeoruta está o conxunto de rochas subvolcánicas de Benquerencia, os pregues deitados de punta Corveira, vestixios dun importante choque entre continentes de fai 350 millóns de anos. Pero tamén haberá tempo para botarlle unha ollada aos restos de primitivos arrecifes na punta do Castro, ou a presenza de antigas fragas sobre a praia de Arealonga, cando o nivel do mar estaba alonxado varios quilómetros. Unha verdadeira viaxe no tempo que permitirá coñecer un pouco mellor o pasado xeolóxico deste concello da Mariña lucense.
Sairemos dende as escaleiras de baixada á praia de Balea (xunto ao Rte. Oliñas do Mar) (Coordenadas: 43°33’43.3″N 7°12’16.4″W) ás 16.00h e terá unha duración aproximada de 3 horas (sen contar o regreso ao punto de partida), cubrindo unha distancia aproximada de 3,5Km. Recoméndase calzado e roupa cómodos e adaptados ás condicións meteorolóxicas. Dificultade da ruta: Media.
As prazas son limitadas a 8 participantes máis o guía, segundo o establecido no DOG 52-Bis do día 17 de marzo. Tomaranse as medidas de prevención esixidas por mor da Covid-19.
Para inscribirse é preciso enviar un correo a: turismo@concellodebarreiros.gal cos nomes e apelidos de cada participante, número de DNI, teléfono de contacto e concello de procedencia. As prazas cubriranse por estrita orde de inscrición comezando o prazo o martes 30 de marzo e rematando o venres día 2 de abril ás 14.00 horas. A actividade é gratuíta.
A realización da actividade e/ou o número final de participantes queda supeditada ás condicións meteorolóxicas e ás correspondentes actualizacións normativas que se puideran producir segundo a evolución epidemiolóxica.
Máis información en Barreiros Turismo: 606 83 56 26 ou na Oficina de Turismo situada na entrada do Centro Sociocultural.