Site icon Crónica3.com A Mariña

“As mulleres de Viveiro”, por Antonio Lage-Seara

“Hai unha muller ó comezo de tódalas grandes cousas” (A. de Lamartine).

A historia escríbese en feminino. Estes son os nomes femininos con vínculo a Viveiro, tanto por nacemento ou familiaridade. Algunhas das nosas rúas teñen nome de muller dende hai anos o que fai a este pobo pioneiro na loa de mulleres na historia. Cómpre debuxar os exemplos de casos reais e referencias rompedoras.

No ensinanza temos o caso de María Sarmiento Ribadeneira, a “latina galega” a primeira en montar unha escola en Galicia sen sustento da igrexa, existente dende 1597 ata 1840. Tamén Margarita Pardo de Cela, que testou para facer unha Cátedra de Artes Liberais (Filosofía) no Convento de Santo Domingo activa dende 1696 ata 1835. A María de las Alas Pumariño fundadora do Convento das Concepcionistas no 1601. A Rita Lago Robles que de colgar os hábitos lega os seus bens para fundar en 1915 na súa casa patrucial, a escola e comedor do Colexio da Inmaculada, Cristo Rey, hoxe aínda latente. Ou Antonia Trobo Rodriguez creando un centro bastante completo na Abelleira de Galdo en 1921.

Nas letras destaca no XIX Camelia Cociña, poetisa membro de varias academias como a malacitana, igualadina ou mont-real de Toulouse, con premio do ateneo. No teatro afeccionado galeguista Teresa e Micaela Chao Maciñeira, caras visibles das Irmandades da Fala femininas, casadas ambas cos Vilar Ponte. Luz Pozo Garza, poeta insigne e membro da Real Academia Galega.

Nas Artes, a surrealista, xenial e internacional María Gómez González, Maruja Mallo. Ou Julia Minguillón de quen se sospeita está soterrada aquí, onde pasou longas estancias, quizais a nosa natureza e estampas costumistas servíronlle como fonte de inspiración.

Na ciencia destaca a primeira muller e facer o bacharelato e ser licenciada en Farmacia de Galicia, Manuela Barreiro. E como non a matrona de Celeiro, Dolores Salgueiro, a “Chitona”, que tantas almas axudou a traer.

Ata temos unha viaxeira peregrina a Terra Santa que rematou sendo beata, o destapar o seu cadaleito e atopar o corpo incorrupto ó que se lle atribuíron milagres, Constanza de Castro y Ossorio.

E non nos esquenzamos dos de miles de nomes anónimos que contribuíron a construír a sociedade co seu esforzo. Mestras das escolas, mineiras da Silvarosa, as do Campo agro-gandeiro, as do mundo do mar, peixeiras e conserveiras, as mulleres do téxitl do liño, la ou coiro, as emigrantes de ultramar, as da gastronomía, con panadeiras, pasteleiras e cociñeiras. E un longa corda de mesteres.

Na actualidade coñecemos tamén veciñas de éxito nas súas áreas, que loitan e traballan por facer un mundo máis libre, igual e mellor.

Todas elas, As Mulleres de Viveiro, que conforman un valor único, un mundo, a cultura dunha comunidade ou capital humano que se asentada nas beiras do Landro durante máis de dous milenios. Elas son as nais, avoas, compañeiras e amigas, elas son a vida.

Exit mobile version