Lugo, 02 de marzo de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, apelou hoxe á responsabilidade de toda a sociedade na desescalada das restricións impostas pola pandemia e mostrouse confiado en que “co esforzo e a vontade de todos poderemos seguir avanzando na reactivación dos sectores económicos da nosa provincia sen perder de vista que hai que continuar extremando as precaucións para frear a expansión do virus ”.
Trala reapertura da hostalería a pasada fin de semana e no marco do diálogo permanente que mantén a Xunta cos negocios máis afectados pola crise da Covid-19, Arias visitou un local hostaleiro da capital luguesa para coñecer de primeira man como está a ser a volta á actividade.
O delegado destacou o “inmenso esforzo que fai o sector para cumprir as medidas anticovid e reabrir progresivamente con tódalas garantías de seguridade” e, nese sentido, lembrou que a Xunta puxo en marcha o Plan de hostalería segura co fin de “protexer aos establecementos e á maioría dos clientes que son responsables e respectan as normas e, ao mesmo tempo, vixiar con este dispositivo a aqueles negocios e clientes incumpridores”.
Segundo subliñou Arias, as medidas van orientadas a garantir que se teñan en conta os aforos autorizados, as distancias interpersoais, o uso de máscara e os horarios de apertura e peche.
A principal novidade é a obrigatoriedade de contar cun cartel nun lugar visible no que se informe da capacidade máxima do local e do aforo e porcentaxe permitidos na terraza e no interior segundo a normativa vixente en cada momento. Tamén a disposición de códigos QR para que os clientes poidan rexistrar a súa presenza na aplicación Passcovid. Se ben o uso deste código non é obrigatorio, Arias sinalou que o seu emprego facilitará os rastrexos en caso que se se produza un posible gromo nun establecemento.