O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que “neste pleno ordinario destacar que foron aprobados todos os puntos, ben por unanimidade ou ben por unha ampla maioría, polo que podemos extraer varios aspectos deste pleno. En primeiro lugar, que o compañeiro Marcos Villamil xa forma parte da Corporación Municipal despois de que onte tomara posesión do cargo de concelleiro. El vai levar a importante área de Medio Rural e desde logo é un reto importante porque son once parroquias deste concello, con singularidades, con necesidades e con recursos municipais non sempre suficientes para atender todas as demandas veciñais e das asociacións de veciños”.
O rexedor relatou que “tamén no pleno se aprobaron inicialmente as ordenanzas de praias e de limpeza e xestión de residuos. Agora estarán en exposición pública polo prazo dun mes para o caso de que alguén queira facer algunha alegación á proposta que se aprobou. Demos tamén conta neste pleno da doazón dunha escultura que irá destinada ao cemiterio municipal de Ove, dado que o seu doante, un veciño de Ribadeo, concretamente de Ove, e que ademais é un artista de profesión recoñecido, quixo que esta súa obra fose destinada de xeito gratuíto ao cemiterio de Ove”.
Suárez Barcia sinalou que “no tema de mocións presentadas por diferentes grupos, acordamos aprobar unhas si e outras non, logo dun correcto debate político onde cada grupo expón os seus argumentos. Non aprobamos, por exemplo, dúas do Partido Popular por entendelas profundamente demagóxicas e reiteradas ademais en canto ás posibilidades de actuacións municipais contra a Covid-19. Neste senso, desde o Concello, sempre dentro das nosas posibilidades económicas e competencias legais, facemos canto está na nosa man, con exencións no cobro das terrazas aos bares para todo este ano 2021, igual que xa fixemos desde marzo a decembro de 2020, e a bonificación nos recibos da auga, do lixo e do saneamento durante os períodos de peche forzoso. Para iso, os titulares de establecementos que aínda non o fixeran poden solicitalo sen problema. Incluso tamén levamos a cabo campañas potentes como a da moeda local, coa Pancha, que soaron moito aquí e fora de Ribadeo, e que dinamizaron moito o movemento económico e comercial da vila. Agora precisamente estamos preparando unha nova e potente actuación neste senso e que daremos a coñecer nos próximos días”.
O alcalde de Ribadeo dixo que “aprobamos tamén unha moción que presentou unha coordinadora galega para un reparto xusto dos fondos europeos, sobre todo no senso de pedirlle ao goberno galego que bote luz sobre todos estes proxectos que se están dicindo, deste diñeiro dos fondos de reconstrución que realmente desde os Concellos pouco sabemos. Hai quen di que unha parte vai vir para os Concellos, hai quen non di nada. Sabemos que se anuncian nalgúns medios de comunicación determinados proxectos, pero que non hai transparencia para iso. Polo tanto, acordamos por unha ampla maioría aprobar esta moción para dirixir ao parlamento de Galicia e tamén ao goberno galego”.
Fernando Suárez engadiu que “finalmente tamén aprobamos unha moción de urxencia que se presentou pola confraría de pescadores de Ribadeo, en coordinación con outras confrarías do país, solicitando unha modificación do regulamento europeo que vai entrar en vigor dentro de pouco, que non trata o ben que debería tratar á flota de baixura, que é a maioría que temos nesta comarca e especialmente en Ribadeo, e que de aplicarse tal e como está establecido neste regulamento da Unión Europea vai ser francamente negativo para a nosa flota artesanal de baixura de Ribadeo, por iso que todos de maneira unánime aprobamos esta proposta. Finalmente houbo unha serie de rogos e preguntas, como sempre nos plenos ordinarios, que foron contestados con honestidade, aceptando aqueles que son construtivos e razoables, e desestimando os que eran profundamente demagóxicos”.