Site icon Crónica3.com A Mariña

Apaga organiza este sábado en Ribadeo un curso sobre sistemas avanzados de asistencia á conducción

Ribadeo, 10 de marzo de 2021. Apaga organiza este sábado, 13 de marzo, en Ribadeo un curso sobre sistemas avanzados de asistencia á condución. A inscrición está aberta e poden asistir técnicos de empresa, profesores e alumnado de FP, universitarios ou persoas interesadas nesta temática. Na xornada, en sesión de mañá e tarde, falarase da detección ou avisador de ángulo morto, do control de cruceiro adaptativo, da alerta sobre tráfico cruzado, do sistema LDW, do sistema de detección de peóns e do freo autónomo de emerxencia.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, contou que “seguindo co plan de formación que temos previsto para o 2021 este sábado, en sesión de mañá e tarde, imos realizar no noso centro de formación un curso de sistemas avanzados de asistencia á condución. Comprende desde a detección no visor de ángulo morto, control de cruceiro adaptativo, alerta sobre o tráfico cruzado, sistemas LDW, sistemas de detección de peóns e freo autónomo e freo autónomo de emerxencia. É unha actividade práctica especialmente sobre as calibracións destes sistemas, que practicamente hoxe en día case traen todos os vehículos”.

Doural explicou que “hai un número limitado de prazas, hai xa varias cubertas, pero queda aínda algunha. É un máximo de 10 para poder manter as distancias de seguridade e cumprir coas normas covid. O curso está aberto a todas as persoas, desde que empezou a pandemia nós abrimos todo este tipo de actividades tanto a técnicos de empresa, como a profesores de FP, alumnos de Formación Profesional e universitario, e xente á que lle interesa todo este tipo de temas.

Todos teñen posibilidade de poder participar, soamente teñen que poñerse en contacto con nós a través do noso correo electrónico apagaribadeo@gmail.com, do teléfono 639 88 49 45 ou tamén da nosa páxina web www.apaga.es”.

O presidente de Apaga subliñou que “a nosa asociación está facendo un esforzo importante a nivel económico para sacar este tipo de cursos a uns custes verdadeiramente moi baixos. Penso que é unha maneira de axudar na situación que estamos nestes momentos vivindo e que ninguén por razóns económicas poida deixar de seguir formándose, especialmente nestas novas tecnoloxías que están aí nos vehículos que neste momento xa están circulando polas nosas estradas”.

Exit mobile version