O concelleiro de Turismo, Chema Linares Rodríguez, anuncia: “acabamos de inaugurar unha exposición de acuarelas no Centro de Interpretación da Basílica para disfrute de todos os veciños e veciñas. Son 10 acuarelas sobre a propia basílica, o retablo pétreo, o cruceiro, a Fonte da Zapata ou a capela do Bispo Santo, que forman parte dunha colección máis ampla, de 70 acuarelas da artista Isabel Fernández sobre diferentes lugares e puntos de interese turístico, patrimonial e cultural do noso concello e que xa foran expostas na época de Pepe Rivera na Alcaldía focense”.
Chema Linares explica que “as acuarelas estaban gardadas nos sotos do CENIMA e tratamos de volver a poñelas en valor, de recuperar un pequeno tesouro que pertence ao noso patrimonio inmaterial e é parte da nosa memoria. Esperamos poder expoñer o resto das acuarelas nun futuro próximo no propio CENIMA e animamos aos veciños de Foz a gozar destas acuarelas no horario habitual do Centro de Interpretación da Basílica”.