A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza por videoconferencia, co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Na xuntanza tamén participaron a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, e a directora xeral da Costa e o Mar do Ministerio, Ana María Oñoro.
Ethel Vázquez demandoulle ao organismo estatal unha maior dilixencia nas tramitacións necesarias para poder executar proxectos esenciais para a mellora das rías galegas. Precisou ademais que a Xunta xa dispón de financiamento procedente de fondos europeos para avanzar nestas actuacións.
A ese respecto, puxo como exemplo o acontecido co novo emisario submarino da ria de Pontevedra. A Xunta solicitou a autorización da Dirección xeral da Costa e do Mar en maio de 2018 e esta non foi aínda emitida, a consecuencia das múltiples solicitudes de documentación formuladas polo Ministerio.
Explicou que cómpre non só que a Dirección Xeral da Costa e o Mar responda de xeito áxil á documentación presentada por Augas de Galicia, senón que, especialmente, teña en conta que os múltiples estudos e documentos adicionais que solicita acaban por atrasar a solución aos problemas ambientais que se tratan de resolver coas obras.
A Xunta tamén expuxo nesta reunión a necesidade de acadar solucións para as depuradoras xa executadas, pero pendentes da regularización da súa ocupación en dominio público marítimo terrestre.
O Executivo autonómico propón que esta realidade se considere na Lei de Costas, ao tratarse de instalacións públicas destinadas á prestación dun servizo básico para a cidadanía e prioritario para a protección do medio ambiente costeiro.
Reiteran que é preciso que desde o ámbito xurídico se proporcione unha vía específica de resolución para que durante a vida útil das instalacións existentes, estas poidan ser regularizadas mediante un procedemento simplificado ou coa habilitación de títulos de ocupación, de forma transitoria se é necesario.
Na xuntanza, a titular de Infraestruturas tamén subliñou que Augas de Galicia, como organismo que exerce as competencias propias dunha confederación hidrográfica, debe ser considerado como tal na repartición deses fondos europeos.