O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, e a presidenta do colectivo, Mariña Gueimunde, explicaron que a agrupación promove unha ruta virtual que percorre as rúas, institucións ou espazos da vila adicados a mulleres de Viveiro ou vinculadas ao municipio, ou ben lugares relacionados con elas, e afonda nas súas biografías.
Tamén adican unha publicación a mulleres destacadas en distintos ámbitos, que resalta as figuras de María Sarmiento, Margarita Pardo de Cela, María de las Alas Pumariño, Rita Lago Robles e Antonia Trobo Rodríguez no ensino; Luz Pozo Garza, Camelia Cociña e Teresa e Micaela Chao Maciñeira nas letras; Maruja Mallo e Julia Minguillón nas artes e Manuela Barreiro e Dolores Salgueiro na ciencia.
Con esta iniciativa destacan o seu papel e tamén o daquelas “mulleres anónimas que contribuíron a construír a sociedade co seu esforzo”, como as mestras, as mineiras, as traballadoras do agro, as do mar, as das conserveiras… “e un longuísimo etcétera”, segundo apuntaron.
A campaña divulgarase a través de internet e redes sociais, onde se poderá descargar os documentos e códigos QR para acceder tanto á publicación como para facer a ruta virtual a través de Google Maps.