Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta axiliza a posta en marcha dun local provisional cedido ao Concello para albergar o xulgado de Paz de Ribadeo

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021. A Xunta axiliza a posta en marcha do local provisional cedido ao concello de Ribadeo para albergar o xulgado de Paz mentres duran as obras de acondicionamento integral nunha sede definitiva. A Dirección xeral de Xustiza está a programar o traslado a estas dependencias provisionais antes dun mes, tarefa na que espera a colaboración do concello de Ribadeo.

A Xunta investiu 42.000 euros no acondicionamento deste local provisional e, de acordo á resolución da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considerase adecuado este inmoble temporal como sede provisional do xulgado de Paz.

A resolución do TSXG indicaba ademais a necesidade de buscar un espazo alternativo para arquivo e que a celebración de vodas do xulgado de paz se realizase no concello. O local ofrecido pola Xunta é válido para que os funcionarios poidan desempeñar o seu traballo en canto se levan a cabo as obras na sede principal pero non ten espazo para arquivo e celebración de vodas. Por iso, a Xunta solicita ao concello de Ribadeo colaborar para o traslado temporal destes servizos a outras instalacións municipais.

Entre as competencias da Xunta na Administración de Xustiza inclúese a dotación do cadro de persoal dos xulgados de paz, mentres que ás distintas administracións locais correspóndelles as instalacións e medios instrumentais para que o xulgado poida desenvolver a súa función. De todas formas, neste caso a Xunta tamén colaborou coa cesión temporal dun local provisional que, previamente, tivo que acondicionar.

Exit mobile version