Site icon Crónica3.com A Mariña

A voceira socialista do Goberno participa na inauguración do IV Congreso Intercomarcal Xubilados UXT de Lugo

Lugo, 8 de marzo de 2021. A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns na inauguración do IV Congreso Intercomarcal Xubilados UXT, un acto celebrado na sede do sindicato en Lugo.

García Porto salientou o inmenso traballo que os xubilados e xubilados fan para “manter os seus dereitos, o seu poder adquisitivo, ou o acceso á sanidade e aos servizos sociais que todos podemos precisar a medida que avanza a nosa idade”. Así mesmo, incidiu en que “dende a Deputación de Lugo respaldamos esta loita polas pensións dignas e desenvolvemos políticas concretas de mellora da calidade de vida das persoas que entran nesta etapa das súas vidas con programas de ocio, cultura e de envellecemento activo”.

A Deputada explicou ante os participantes neste Congreso os avances que dá a institución provincial para dotar á provincia dunha rede de centros públicos de atención ás persoas maiores. Avanzou que neste 2021 se sumarán aos 5 centros abertos –en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde-, os de Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna.

8M
García Porto fixo referencia ao día do 8M, Día Internacional da Muller, nun ano “no que está condicionado pola pandemia nas cuestións formais, pero ten que manter toda a súa vixencia como símbolo do traballo que aínda queda por facer para acadar a igualdade plena entre homes e mulleres no seo da nosa sociedade”. Engadiu que “non hai igualdade cando as pensións das mulleres son, no noso país, un 35% máis baixas cas dos homes”.

Exit mobile version