Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia entrega no Museo do Mar 500 exemplares de “Cen historias máxicas pola Mariña encantada” aos concellos da comarca

Lugo, 27 de marzo de 2021. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo entregou 500 exemplares de “Cen historias máxicas pola Mariña encantada”, escrito por Antonio Reigosa e ilustrado por José Luis Neira Brochs, aos concellos da comarca nun acto celebrado esta mañá no Museo do Mar de San Cibrao.

O Servizo de Publicacións da área de Cultura colaborou na edición do libro, publicado por Libros Lar, coa adquisición dos exemplares que distribuíu entre os concellos para facelos chegar a bibliotecas, centros educativos e outros puntos de lectura e consulta nos distintos municipios.

“Ao apoiarmos esta edición e ao axudarmos a difundila no propio territorio, para o que lles pedimos aos concellos a súa colaboración; estamos a cumprir tanto na Deputación como nos concellos o noso labor de preservación e difusión do patrimonio neste caso intanxible e, non por iso, menos valioso có material”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro no acto, ao que estaban citados representantes dos quince concellos referenciados na publicación: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove .

“Pretendemos que este título axude a manter a memoria colectiva dese patrimonio inmaterial de valor incalculable. Grazas ás persoas que na Mariña se preocuparon e preocupan de recoller estes testemuños orais e ao traballo do autor e os editores, podemos transmitirlle á xente máis nova as historias que fían o tecido mítico da nosa comunidade”, engadiu Maite Ferreiro que agradeceu a presenza no acto dos alcaldes, alcadesas, concelleiras e concelleiros, que se achegaron a recoller os lotes de libros.

O autor, Antonio Reigosa, aproveitou a intervención para reivindicar a necesidade de apoiar e promover desde as administracións o estudo e recollida deste patrimonio inmaterial xa que, como sinala no prólogo do libro, “a nosa literatura oral está aínda, salvo raras e honrosas excepcións, sen inventariar e estudar como sería desexable”.

“Cen historias máxicas pola Mariña encantada”

“Cen historias máxicas, pola Mariña encantada” amosa unha coidada selección do patrimonio de lendas e mitos de transmisión oral recollidos nos concellos da comarca, acompañada polas ilustracións de José Luis Neira Brochs.

A obra, que dedica un capítulo a cada un dos concellos, contén 100 relatos cunha variedade enorme, tanto de protagonistas do lendario popular —demos, trasnos, nubeiros, bruxas, ánimas, mouras e mouros, encantos e tesouros, serpes, sereas, santos e santas…— como de lugares mariños e terrestres como fontes, montes, covas, rochas, illas, fervenzas e outros elementos naturais singulares.

Tamén están,os grandes personaxes míticos ou mitificados das terras mariñás. Desde Pardo de Cela ao Conde Santo, pasando por San Gonzalo, a serea Maruxaina, o rei Cintolo e ata o Gardarríos. E os grandes lugares máxicos como a Serra do Xistral, a Frouxeira, san Estevo do Ermo, a illa Coelleira ou a cova da Doncela, e outros imaxinarios que só existen na nosa fantasía e nos que habitan cidades mergulladas, augas que curan, santuarios abondosos en milagres, cobizados tesouros, pantasmas e un amplo repertorio de fauna féerica

Exit mobile version