Site icon Crónica3.com A Mariña

A Unidade Asistencial de Drogodependencia de Burela está sin médico, alerta o PP

Burela, a 18 de marzo de 2021. O Grupo Municipal Popular no Concello de Burela vén de presentar unha moción na que insta ao alcalde Llano a iniciar o procedemento para cubrir a praza de médico na Unidade Asistencial de Drogodependencia (UAD), que está desatendida dende hai seis meses.

Os populares afirman que “a persoa que no seu día ocupou esa praza está de baixa, pero esa situación está a causar problemas asistenciais e organizativos. Asistenciais porque as persoas usuarias da UAD non poden ter consultas médicas de xeito regular e, organizativos, porque a situación causa trastornos no funcionamento do propio centro, téndose chegado a depender de Atención Primaria para resolver determinados casos”.

Dende o PP indican que “a dependencia orgánica da UAD é do Concello de Burela, sendo a entidade local a responsable da contratación e substitución do persoal do centro, así como do abono dos seus salarios, xa que para iso recibe unha subvención que supera os 200.000 euros ao ano”.

Para o GMP, “é evidente que estamos ante unha desatención nas funcións, dado que a contratación corre por conta do Concello. Ao non cubrir a praza de xeito inmediato, estase a ocasionar un serio problema ás persoas usuarias da UAD. Desatención de funcións que se centran en dúas persoas, o alcalde Llano (algo que xa non nos sorprende vista a súa ineficacia en todos os campos da xestión municipal), e o concelleiro de sanidade, que non é outro ca o concelleiro de cultura, José Díaz, que só se dedica ao que lle interesa deixando de lado outros campos da súa competencia”, afirman.

Traxectoria da UAD
Dado que a UAD conta cunha recoñecida traxectoria en toda a súa existencia, e que as súas profesionais teñen recoñecida valía e experiencia; e dado que a situación actual entorpece a labor asistencial e organizativa do centro, os populares agardan que o rexedor socialista “teña a ben comezar canto antes o procedemento para a contratación do facultativo médico, para que o servizo da UAD sexa un servizo eficaz ao cento por cento”.

Exit mobile version