Compostela, 8 de marzo, 2021. Este 8 de marzo de 2021, a labregas do SLG tamén apoiaremos a folga feminista. Hai un ano da última folga de mulleres e para as labregas, en cuestión de igualdade, a situación segue indo a peor. Seguimos sendo ese factor invisible que sostén o mundo rural co noso traballo nas granxas, cos nosos coidados ás persoas maiores e á rapazada. Porén, a maioría de nós segue sen ver recoñecida esta contribución á hora de adquirir algún tipo de compensación ou dereito como a maioría das traballadoras:
. É indignante que levemos xa varios anos coa cifra de tan só 18 labregas que se deron de alta como cotitulares das explotacións nas que traballan, cando as estimacións apuntan a que deben ser unhas 35.000 as mulleres galegas que traballan na granxa familiar sendo unicamente o cónxuxe varón o titular da mesma.
. É indignante que, como consecuencia directa desta invisibilización do traballo do meirande das labregas, apenas o 5% das que chegan a cotizar acadan unha pensión íntegra fronte ao 80% dos homes.
. É indignante que nas cooperativas, segundo datos da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), sendo mulleres o 46% das persoas socias, a presenza feminina se reduza a un 16% nos consellos reitores e a un 6% nas presidencias.
. É indignante que, a nivel estatal, as mulleres cobren só o 27,5% das axudas directas da PAC ou o 26,35% das de desenvolvemento rural. Ademais, a contía das axudas da PAC son menores nas mulleres que nos homes. Se analizamos o caso galego, hai máis mulleres que cobren axudas que homes. Das 27.357 persoas beneficiarias, o 43,17% eran homes e o 56,82% mulleres; porén, a axuda media da PAC que cobran os homes na Galiza é de 9.736 €, mentres que a axuda media das mulleres redúcese a 4.106 €. Isto é así porque as axudas da PAC non están deseñadas con perspectiva de xénero e non contemplan que a maioría das explotacións rexentadas por mulleres adoitan basearse en producións alternativas, normalmente menos dimensionadas, pero perfectamente viables, creadoras de riqueza e emprego no rural e produtoras de alimentos de calidade. Porén, Bruxelas déixaas fóra dos seus apoios públicos ao agro.