Rodríguez sinala: “Que caia un muro, por ben feito que estea, no pais da auga, non ten nada de estraño. Agora ben, que ese muro leve caído dous anos e que, nese tempo, non se fixera nada polo Concello para reparalo, iso si que é estraño; ou non, en realidade non o é, porque responde á maneira de (non) facer que ten o equipo de María Loureiro. Dous anos e o muro segue sen ser reparado”.
O portavoz popular aclara: “Para tapar o oco que quedou coa caída do muro, o Concello puxo unha malla metálica, que é un exemplo de feísmo; esta é unha medida que tiña que ser provisional, para uns días, pero aí está o valo metálico dende hai dous anos”.
Os populares reciben numerosas queixas de veciños de Viveiro polo falta de reconstrución do muro. Rodríguez declara: “A xente é consciente de que o valo metálico co que se tapa o oco non serve para nada, porque apártase con facilidade e pódese entrar sen ningún problema”.
O PP anuncia a presentación dunha iniciativa plenaria para poñer esta deficiencia no debate municipal e intentar que o goberno local adopte dunha vez as medidas que xa debería ter adoptado para reparar o muro de peche do cemiterio municipal de Viveiro.