Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova Edar de Foz este xoves nunha xuntanza entre Concello e Augas de Galicia

Foz, 10 de marzo de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o primeiro tenente de alcalde, Francisco Fanego, manterán este xoves, día 11, unha reunión telemática coa directora de Augas de Galicia. A principal cuestión a tratar é “o grao de avance da nova depuradora (EDAR) de Foz, que leva un atraso máis que considerable. Rexeitada a vía simplificada do trámite ambiental xa no 2016 por unha decisión xudicial, case 5 anos despois seguimos co expediente en trámite, co risco de perder fondos europeos”, explica o rexedor municipal.

Fran Cajoto engade que “no verán do 2019 xa mantivemos unha reunión en Santiago coa directora de Augas de Galicia para interesarnos e tratar de axilizar a tramitación. En 2020 tivemos dúas xuntanzas de traballo con técnicos de Augas de Galicia, a última tamén coa presenza de técnicos de Costas do Estado, para solventar os problemas que se puidesen presentar. Segundo nos trasladan desde a Xefatura de Costas, aínda non recibiron resposta ao último requirimento enviado a Augas de Galicia a comezos do mes de decembro de 2020, xa que a documentación que trasladara Augas era incompleta. O que pretendemos é que Foz non se quede no esquecemento sen depuradora: é unha infraestrutura fundamental pola que vamos a seguir loitando”.

O goberno municipal focense recorda que a depuradora actual “non é capaz de tratar o volume de caudal de entrada, especialmente en verán. Quen o está a sufrir é a nosa Ría, zona de gran valor ecolóxico, catalogada dentro dos espazos da Rede Natura 2000 e cunha protección especial como zona ZEPA pola gran diversidade de avifauna que podemos contemplar”.

Exit mobile version