O delegado territorial, Javier Arias, explicou que esta decisión é consecuencia da melloría na calidade da auga, especialmente dos parámetros relativos á contaminación pola bacteria E.coli, o que facilitará o traballo dos mariscadores ao reducir os prazos de depuración dos produtos extraídos. Neste sentido, lembrou que a Consellería realiza controis de todas as zonas de produción a través do Intecmar, co fin de garantir a idoneidade dos produtos alimentarios extraídos do mar.
O cambio de catalogación afecta en concreto a dúas zonas consecutivas. Dunha banda, a parte media da ría de Viveiro, entre a liña imaxinaria que une a punta externa do porto de Celeiro coa Pena de Roo e a liña que pasa pola ponte da Misericordia; por outra banda, a parte interna, desde este punto da ponte cara ao interior da ría.
Arias afirmou que “a nova clasificación é unha boa nova para Viveiro, tanto porque pode axudar a dinamizar o marisqueo na zona como polas implicacións medioambientais que entraña”.