Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz promocionan os seus recursos cunha web grazas ao Plan Único

Lugo, 11 de marzo de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na presentación da páxina web terrasdeburon.es, creada polos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz para promocionar conxuntamente os seus recursos grazas aos fondos que recibiron do Plan Único da institución provincial.

No acto, celebrado no Salón de Actos Municipal Os Chaos, participaron o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; o rexedor de Ribeira de Piquín e tamén Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, ademais da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, representantes da Corporación municipal da Fonsagrada e hostaleiros da zona.

O Presidente subliñou que traballar pola promoción do territorio “a través dun turismo sostible e de calidade xa era importante antes da pandemia, pero con esta crise sanitaria aínda o é máis. En primeiro lugar, para apoiar aos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio local, pero tamén é unha aposta de futuro para o rural porque a crise sanitaria fixo que o turismo de natureza, de montaña, como o que ofrece Terras de Burón, estea en alza. A xente busca actividades ao aire libre, sen aglomeracións, busca experiencias, e valora máis outro estilo de vida, lonxe das cidades, e máis cerca do campo”. Este modelo de turismo, asegurou José Tomé, “tamén é polo traballamos na Deputación de Lugo, un turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, na natureza e que pon en valor o patrimonio”.

O mandatario provincial asegurou que “a presencia con nome propio na web é unha ferramenta moi importante para promocionar conxuntamente a enorme riqueza patrimonial, os atractivos e os establecementos turísticos e hostaleiros dos concellos que conforman Terras de Burón”.

Tomé Roca felicitou aos alcaldes da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz por “esta aposta conxunta” por aproveitar o potencial turístico dos seus concellos. “Non hai como traballar da man para lograr obxectivos comúns máis ambiciosos dos que podemos acadar en solitario”, subliñou o Presidente, quen tamén destacou que o proxecto da páxina web sexa unha realidade grazas aos fondos do Plan Único da Deputación de Lugo, un instrumento de cooperación que, ademais de garantir a transparencia e o reparto xusto dos fondos, respecta a plena autonomía dos concellos para destinar os recursos económicos que reciben ás medidas que consideran máis necesarias e adecuadas para os seus municipios.

Presencia en redes sociais
A web terrasdeburon.es difunde a oferta, actividades de lecer, gastronomía, historia e cultura da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz. Ademais, permite que os establecementos hostaleiros e turísticos da zona se promocionen de xeito gratuíto e ofrece diferentes rutas de sendeirismo e lugares emblemáticos de interese para os visitantes. Os contidos desta plataforma estarán en continua renovación e actualización e apoiarase tamén nas redes sociais para facer promoción do territorio e lanzar a zona como un paquete turístico.

Exit mobile version