Lugo, 26 de marzo de 2021. A Deputación de Lugo aprobou, na Xunta de Goberno celebrada este venres, a adxudicación do contrato de subministro de 49 desfibriladores semiautomáticos por un importe que supera os 51.300€ para a súa instalación nos concellos adheridos ao programa provincial Lugo, Provincia Cardiosaludable.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, resaltou que esta acción “enmárcase dentro da nosa aposta polas políticas sociais e responde ao noso firme compromiso de cooperación cos concellos, para que poidan prestar servizos públicos á veciñanza da mellor calidade aforrado custos”.
Con este programa, a Deputación de Lugo contribúe a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos. “É moi importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións públicas para reducir ao mínimo posible o tempo de resposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou grave secuelas, ou mesmo a morte”, sinalou Rivera Capón.
Adxudicación de 95 hortos no Río Rato
Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde á convocatoria dun proceso de concorrencia competitiva para conceder os 95 hortos urbanos da Deputación de Lugo no Paseo do Rato que quedaron libres tras a primeira fase de adxudicacións. Esta convocatoria, que sairá publicada a principios da próxima semana no Boletín Oficial da Provincia (BOP), está dirixida a persoas e entidades que non foran usuarias destes terreos con anterioridade e primará criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros. Unha vez publicada no BOP, os interesados terá dez días hábiles para presentar a solicitude.
Arranxo da estrada Paradela-Currelos
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para acometer as obras coas que a Deputación de Lugo completará o arranxo da conexión por estrada entre Paradela e Currelos, no Saviñao. Rivera Capón recordou que “estas melloras afectan a 12 quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818, e acométeranse cun investimento de medio millón de euros”.
O Deputado de Promoción Económica e Social tamén resaltou que “con este importante proxecto, seguimos demostrando que unha das prioridades deste goberno é a mellora da mobilidade, xa que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento rural”.
Ensilado na Granxa Gayoso Castro
Así mesmo, a Deputación sacou a contratación o servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba en parcelas da Granxa Gayoso Castro por un importe de 20.800€. Estes traballos, que se realizarán nun tempo máximo de 48 horas dende a data de inicio, permitirán almacenar a cantidade suficiente de forraxe co que alimentar aos animais da granxa propiedade da Deputación de Lugo durante todo un ano.
Control da lexionela
A Xunta de Goberno adxudicou, por un período de dous anos e un investimento de 125.000€, o contrato para o servizo de mantemento, control de funcionamento e reparación das instalacións térmicas dos edificios da Deputación, que servirá para o control e a prevención da lexionela. A empresa adxudicataria é Clece S.A.
Máis de 250.000€ en 6 concellos
A Xunta de Goberno deu luz verde á solicitude de 6 concellos da provincia para aplicar remanentes do Plan Único do 2020 para acometer novas obras. Trátase dun investimento de máis de 250.000€ nos municipios de Sarria, O Valadouro, Abadín, A Pobra do Brollón, Castro de Rei e Trabada.
O Concello de Sarria aplicará os remanentes nas obras de rexeneración e renovación de vías municipais e na extensión da rede de abastecemento en Ferreiros, Rubín e San Xulián. Ambas medidas contan cunha achega da Deputación que rolda os 125.000€.
O Valadouro acondicionará o Camiño de Taranco, na parroquia de Frexulfe, unha acción que permitirán continuar coa mellora desta vía cunha achega que supera os 2.000€. Esta obra foi financiada cun presuposto de case 65.000€ do Plan Único 2020.
Abadín aplicará máis de 30.000€ dos remanentes do Plan Único ao acondicionamento e mellora de camiños nas parroquias de Fraiás e Quende, e 10.000€ ao subministro e instalación de contenedores en varias parroquias do concello (Abeledo, As Goás, Candia, Fanoi, Galgao e Quende).
En canto á Pobra do Brollón, aprobouse a aplicación dos remanentes para a mellora da estrada de acceso á Pacios de Veiga, que será financiado integramente pola institución provincial. Ademais levarase a cabo a adquisición dunha cortacéspede.
En Castro de Rei aprobouse o acondicionamento da Rúa Alcalde Emilio Sinde Nieto cun importe de case 14.300€ e, ao mesmo tempo, levarase a cabo a ampliación da rede municipal de abastecemento en Bendía, Prevesos e Goberno cun presuposto que supera os 13.000€ e a rexeneración de accesos en Matodoso e Ponte de Outeiro, ao que a Deputación achega case 20.000€.
Trabada destinará os remanentes para a pavimentación de acceso a Ribela cunha achega de case 8.500€.