Lugo, 08 de marzo de 2021. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo reafirmou hoxe o seu “firme compromiso para conseguir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”, durante un acto na explanada diante do edificio administrativo no que se lle deu lectura á declaración institucional do Goberno galego con motivo dos actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Participou o delegado territorial, Javier Arias; e as encargadas de ler o manifesto foron a secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, e a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Pilar Fernández. O texto confirma o propósito do Executivo autonómico de adoptar normativas que impulsen e garantan activamente a igualdade e de implantar políticas públicas de equidade no marco da Axenda 2030.
A declaración refírese ás desigualdades que seguen a sufrir as mulleres en distintos eidos da vida, o papel crucial que están a xogar no marco da crise sanitaria da covid-19, as fendas salariais e as discriminacións que padecen no ámbito laboral derivadas, entre outros, dos problemas de conciliación e corresponsabilidade e, finalmente, a terrible lacra da violencia machista e a súa necesaria erradicación inmediata.
“Aínda que nos últimos anos se acadou un gran avance na igualdade entre mulleres e homes, o Goberno galego é consciente de que no escenario actual queda aínda un longo camiño por percorrer”, sinala o manifesto, que incide na necesaria implicación de toda a cidadanía, organizacións e institucións para “superar os estereotipos de xénero, corrixir a desigual distribución dos roles na sociedade e eliminar os obstáculos que impiden ás mulleres o pleno desenvolvemento profesional e persoal”.