Na provincia de Lugo, a CIG ten convocadas as seguintes mobilizacións de mulleres:
Na cidade de Lugo, ás 12:00 horas, concentración na Ronda da Muralla diante do edificio multiusos da Xunta.
Na comarca da Mariña, ás 12:00 horas, concentración na explanada do Hospital de Burela.
Fronte a campaña de desprestixio e boicot que hai en marcha, dende a Secretaría das Mulleres da CIG poñen o acento en que “os nosos dereitos non poden ficar confinados e urxe, agora máis que nunca, saír á rúa para exixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida das mulleres e visibilizar e frear o detrimento das nosas condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise”.
A este respecto, a central sindical denuncia que “ao poder non lle interesa a resposta na rúa” e que, coa escusa da pandemia, “está facendo un chamado a non mobilizarse cando permitiu manifestacións da ultradereita, saltándose límites perimetrais, e acudindo mesmo sen protección”.
Folga de 24 horas
A CIG convoca novamente este ano folga de mulleres de 24 horas para reivindicar, entre outras cuestións, a fin da sobreexplotación nos traballos asalariados e nos fogares, rexeitando a elevada temporalidade e a precariedade laboral que afecta especialmente ás traballadoras, xa que son quen máis contratos a tempo parcial e de curta duración teñen; unha igualdade retributiva real, que non permita fendas salariais de ningún tipo; e pensións dignas e garantidas para todas as mulleres.
Así mesmo, que o traballo a distancia (cunha implantación acelerada a raíz da pandemia) non sexa unha nova ferramenta de explotación e de falsa conciliación, senón que sexa de carácter voluntario e con todos os dereitos e garantías.
A central tamén demanda prestacións familiares e licencias remuneradas para quen non poida asistir ao traballo asalariado por obrigas de coidados; e que, dunha vez, se valoricen os traballos feminizados e de coidados, demandando a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine as residencias de maiores, centros de atención á dependencia, centros de día, servizo de axuda no fogar etc., en condicións de calidade asistencial, que dignifique as condicións laborais do persoal encargado destas tarefas e que rache co modelo privatizado e mercantilista promovido dende o Goberno do PP na Xunta.
Os traballos de coidados, esenciais pero non valorizados
A Secretaría das Mulleres da CIG subliña que se o pasado ano o feminismo se botaba á rúa denunciando que “sen coidados non hai vida”, a pandemia evidenciou ás claras que os traballos feminizados son traballos esenciais para o desenvolvemento da sociedade. Porén, as mulleres non foron obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a súa saúde, sobreexpoñéndoas ao virus, nin tampouco se recompensou o seu sobreesforzo cunha revalorización social e económica do seu traballo.
Por iso, a CIG anima as galegas a que este 8 de Marzo fagan folga “para amosar que están cansas da precariedade, dos abusos, de que o capital sexa quen xestione a crise e de que se poñan as nosas vidas en risco. Porque ten que haber cambios reais xa”.