Site icon Crónica3.com A Mariña

560 casos activos na provincia no sistema Viogen de protección ás vítimas de violencia de xénero

Lugo, 15 de marzo de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Comisión técnica provincial de coordinación en materia de violencia de xénero que analizou os delitos de machismo na provincia. Na xuntanza, que se celebrou por vía telemática, participaron, tamén a xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Luisa Castro; e responsables da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso.

Isabel Rodríguez informou de que na provincia hai 560 activos no sistema Viogen de protección das vítimas de delitos de violencia machista. Os casos activos, a data 12 de marzo, son 2 de risco alto, 56 de risco medio, 219 de risco baixo e 283 non apreciado e non hai casos de risco extremo.

En total son 548 as vítimas rexistradas na provincia, das que 29 son usuarias do servizo telefónico de atención e protección ás vítimas ATENPRO e 21 están dadas de alta no dispositivo de control telemático COMETA.

Rodríguez lamentou que no que levamos de ano xa son 5 as mulleres asasinadas en España e recordou que a cifra de vítimas é de 1.083 desde a creación do rexistro, en 2003.

A subdelegada do Goberno lembrou a importancia de traballar coordinadamente na loita contra a violencia machista e na protección das mulleres que a sofren.

Isabel Rodríquez felicitouse pola renovación dos convenios de colaboración co Ministerio do Interior dos concellos de Vilalba, Ribadeo e Burela, que regulan das policías locais dos tres municipios coa Garda Civil para a protección das vítimas.

Os tres convenios cos devanditos concellos foron asinados nas últimas semanas polo Secretario de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, Rafael Pérez.

Exit mobile version