Coa tendencia que se está producindo agora mesmo, agárdase chegar ao 100% da capacidade nos próximos 8 meses. Os animais pasan 21 meses no centro provincial e permiten un aforro de 300 euros por xata aos gandeiros, xa que o prezo da recría é de 2,39 céntimos ao día. Está tarifa inclúe todos os gastos: transporte, tratamentos de fertilidade, alimentación, control sanitario e revisións veterinarias.
Outro aspecto positivo que relatan os gandeiros experimentados no centro de recría é o pulo das súas explotacións dende a súa incorporación ao centro. Ao non recriar nas súas instalacións, poden dedicarlle o 100% do espazo á produción leiteira. Cómpre sinalar que é o primeiro centro público en España que recría gando vacún de leite mediante a xestión directa da Deputación e a colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago.
Mediante este proxecto a institución provincial lucense aposta polo sector primario, impulsando o seu futuro a medio e longo prazo, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e das súas oportunidades. Este centro pioneiro contribúe a reducir notablemente os custes para os gandeiros ao evitar a recría no exterior de Galicia, reactivando así a economía lucense e contribuíndo a que as explotacións da provincia sexan máis rendibles e sostibles.