Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada 21. Primeira Masculina. Pescados Rubén 3-2 Valdepeñas

Burela, 20 de febreiro, 2021. Abandeirado polo gran traballo, o sufrimento e o compromiso do bloque, o Pescados Rubén Burela deu a sorpresa ante a solidez do Viña Albali Valdepeñas para recuperar a vitoria (3-2) dando continuidade ás boas sensacións das últimas xornadas. Regresaron os de Juanma Marrube ao seu mausoleo 47 días despois para facer valer a maxia do Espírito Laranxa nunha cita frenética na que os mariñáns conseguiron dar o primeiro golpe e ampliar a fenda no minuto 12 ata o 3-1. Tras o descanso, os viñateiros achegáronse aínda que o sacrificio burelista soubo como aferrarse a estes tres puntos que valen moito máis na senda para seguir.

Vista Alegre foi escenario dun ritmo trepidante, con grandes ocasións por ambas as partes e unha excepcional intervención dos Edu na rede. O Pescados Rubén conseguiu adiantarse no minuto 6 con Lucho tras unha diagonal de Pazos. Con todo, tan só un minuto despois S. González, en parede con Cainan, subiu a igualada por riba do meta naronés. Os burelistas creron nas súas posibilidades no asedio; Álex Diz estivo moi preto no 10 e Lucho, en alianza co propio 22, estrelouna contra o pau no 11. O Espírito Laranxa estaba a merecelo e chegou a vantaxe por partida dobre no gran minuto de ouro, o 12, con Quintela, á caza do rexeite de Lucho, e tan só 12 segundos despois con Diz, asistido por David Pazos, nunha recuperación. Non baixou o ritmo, tampouco as ocasións. Tras un gran traballo defensivo dos galegos e un Edu impasible fronte a Nano, o homónimo visitante evitou coa cara o cuarto dos galegos ao remate de Quintela (minuto 17).

Os de David Ramos atoparon fol no regreso. Tras a tentativa de S. González, Nano conseguiu reducir no minuto 22, desde saque de esquina directo nun balón que tocou o de Narón, aínda que sen conseguir frealo. O Pescados Rubén tivo que aplicarse a fondo para conseguir fluidez na saída de balón ante a presión dos de Cidade Real, co trascurso duns minutos máis pausados, e esperou de novo as súas oportunidades. Tras Álex Diz, ao segundo pau, e Quintela, en recuperación, tentouno Lucho, un dos máis incisivos da cita, pero atrapouna Edu Sousa; o meta puido frear tamén, en dous tempos, a Quintela. Os viñateiros tampouco deixaron de buscar portería para ir a pola igualada, dispoñendo da mellor ocasión no 34 en contragolpe con S. González, desartellada in extremis entre Edu e o pau. Viviu a Bomboneira unha recta final de altas revolucións. Con dous e medio para a bucina final, Valdepeñas saltou con xogo de cinco pero Edu gañou a pugna.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Javi Rodríguez, Lucho, Quintela, David Pazos, Giasson

Viña Albali Valdepeñas FS: Edu, Juanan, Chinés, José Ruiz, Cainan, cinco inicial; tamén xogaron A. García, Catela, Xavi Cols, Dani Santos, S. González, Nano, Coro

Goles: 1-0, minuto 6, Lucho; 1-1, minuto 7, S. González; 2-1, minuto 12, Quintela; 3-1, minuto 12, Álex Diz; 3-2, minuto 22, Nano

Árbitros: Toca Campo // Sánchez Llorente (Cantabria). Por Valdepeñas amarela para Catela (minuto 13), Dani Santos (minuto 36), Cainan (minuto 39). Por Burela amarela para Álex Diz (minuto 36), Javi Rodríguez (minuto 36), Renato (minuto 36)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre, a porta pechada.

Exit mobile version