Cunha gran presión interista e unha boa lectura dos laranxas sobre o rival, ambas as filas dispuxeron de ocasións aínda que o electrónico se resistiu ata a medianía da primeira parte. Tras a aparición de J. Herrero no 7 fronte a Javi Rodríguez, os galegos responderon perfectamente nas máis perigosas do Movistar no minuto 8, con Tripodi chocando contra Renato, e Fernando ante Pazos. Tivo a oportunidade de adiantarse o de Ames nun pase longo de Kaluza, que desartellou por arriba o meta local; contaron tamén cunha falta indirecta os laranxas, pero foi o titánico conxunto de Tino Pérez o que atopou a recompensa. Con 42 segundos para o ecuador da primeira parte, os locais conseguiron adiantarse nun roubo de Borja en primeira liña que puido perforar a rede galega en combinación con Cecilio. A punto estivo de igualar a contenda acto seguido cun pase longo de Kaluza que cazou en volea Giasson. Pescados Rubén tivo que remar co lastre das cinco faltas desde o minuto 12 e baixou certamente a súa liña de presión defensiva. Tras o segundo tanto de Movistar en dobre penalti de Fernando (minuto 13), Juanma Marrube pediu aos seus orde e rapidez en inicio, pero inmediatamente chegou a terceira laxa, cun erro de saída que aproveitou Cecilio. Con 3-0, a escuadra burelista mereceu máis; soubo recompoñerse, subiu liñas e tirou de coraxe e serenidade para xerar en ataque, cunha gran transición no 17, que se lle foi por pouco a Quintela, e no 19, de novo o 23 laranxa, nun pase de Pazos no que J. Herrero se aplicou a fondo.
No reinicio, Pescados Rubén Burela gañou en intensidade na presión de balón e soubo dar continuidade á súa dinámica de ataque. Despois dunha correctísima intervención de Kaluza en dous pasos, no 27, ante Pito e Borja, chegou a fase burelista. Renato, Giasson e Quintela puxeron moito perigo sobre J. Herrero para recortar distancias nuns minutos nos que Movistar que estaba a perder rigor e eficacia ofensiva. No 34, Matamoros fixo tremer o traveseiro en falta, pero foi Renato o que estreou o luminoso nun golazo, apoiado na maxia do 10. O madrileño, especialista en balón parado, rubricou o 3-2 en dobre penalti no 36. Cría o Burela nas súas posibilidades, aínda que Movistar asestou o cuarto rapidamente con Fernando na defensa de Iago de cabeza que deixou a Kaluza moi adiantado. Reaccionou entón Pescados Rubén con xogo de cinco e soubo como forzar de novo un dobre penalti, materializado outra vez pola eficacia de Mata para o 4-3. Tiñan por diante os de Juanma Marrube aínda dous minutos, pero os interistas volveron reaccionar con Dani Saldise (5-3). O Pescados Rubén viviu un minuto final de alta voltaxe; nesta ocasión Matamoros bateu coa solidez de J. Herrero no penalti, aínda que se reafirmou nos seus sinais de identidade demostrando que se pelexa ata o último suspiro.
Ficha técnica
Movistar Inter FS: J. Herrero, Cecilio, Borja, Fernando, Pito, cinco inicial; tamén xogaron Pola, Eric Martel, Boyis, D. Saldise, Tripodi, Iacovino
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Renato, Giasson, David Pazos, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Javi Rodríguez, Álex Diz, Iago Míguez, Matamoros, Nito, Edu Goles: 1-0, minuto 10, Borja; 2-0, minuto 13, Fernando (d. p.); 3-0, minuto 13, Cecilio; 3-1, minuto 34, Renato; 3-2, minuto 36, Matamoros (d. p.); 4-2, minuto 36, Fernando; 4-3, minuto 38, Matamoros (d. p.), 5-3, minuto 39, Dani Saldise
Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro. Por Movistar amarela a Cecilio (minuto 14), Eric Martel (minuto 21), Pito (minuto 34), Fernando (minuto 36). Por Burela amarela para Iago Míguez (minuto 5), M. Kaluza (minuto 13), Quintela (minuto 40).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 de Primeira División Masculina disputado no Jorge Garbajosa. Minuto de silencio en memoria do exxogador de fútbol sala Álvaro Párraga.