Site icon Crónica3.com A Mariña

“Visitando o proxecto de Ordenanza de protección medio ambiental”, por Antonio Gregorio Montes

Antonte, 2 de febreiro, saltou a nova (por parte do concello) de que xa estaba disposto o proxecto de Ordenanza de protección medio ambiental de Ribadeo. Ben, en realidade, a nota de prensa está datada antonte, e o colgado na web fíxose antonte, polo que debe contarse esa data para os exiguos 10 días para alegar. Por se a alguén lle interesa a nota, está na páxina do concello. A nota, si. A proposta, non, a pesar de que a nota di que si. Debéronse esquecer de colgala xunto coa nota, como fan outras veces coa documentación á que se refiren as notas. Para a procura do documento hai que ir á sede electrónica.

Son 39 páxinas. Querería facer un comentario amplo, pero pola lonxitude, centrareime con diferenza nas cousas máis xerais, e só comentarei algún punto solto.

Como algo previo, dicir que dez días paréceme moi pouco se se ten intención de que a xente participe: hai que comezar por decatarse de que foi colgado, e, por referencias, sei que non é tan doado chegar ó documento (ese é o motivo de que puxera a ligazón arriba). A máis de que 39 páxinas, para ler con repouso e dar tempo a que a cabeza o trille ben para dar ideas, necesita o seu tempo. Máis aínda se pola falta de impulso da participación cidadá, non se ten o hábito de facelo.

Creo que no preámbulo atópase o motivo dun órdago á totalidade do documento. Por? O concepto de medio ambiente queda reducido a pouco máis que a limpeza das rúas da vila. Avanzando o documento, non hai referencias nin ó uso das zonas ZEPA orgullo medioambiental de Ribadeo, nin ó coidado ambiental na prevención de incendios, que ten dado que falar, nin a contaminación sonora, que lle deu máis dun desgusto ó concello, nin a lumínica, da que houbo referencia nas Xornadas de Medio Ambiente hai uns 20 anos, ou a protección de flora e fauna, ou ós pozos negros, por pór algunhas incidencias que coido teñen cabida e deberan estar nunha ordenanza de medio ambiente. E, o espazo adicado á vila (‘cidade’, nunha das citas, no art.31) excede moitas veces o adicado ó rural. Algo así como se o medioambiental fora consubstancial ó urbano. Pero non é unha ordenanza de limpeza, senón de medio ambiente. Despois do dito, as consideracións de aquí en diante serían secundarias.

Coido que hai inconsistencias, como falar do apartado segundo de obrigas de salubridade, sen terse referido á salubridade como tal no primeiro punto, os obxectivos.

O apartado 4, de lugares de aplicación non contempla zonas como a de propiedade do Ministerio a través de Costas nos bloques, para evitar ter que facerse cargo de xeito sistemático o concello de cousas como o seu recente desbroce, ou os regos e regatos, que quedan no limbo a pesar de que non hai tanto tempo que o concello pediu autorización á Confederación Hidrográfica do Cantábrico para proceder á súa limpeza (que non teño noticias de que se estea a facer polo momento).

Prohíbese a manipulación de materiais residuais, botados ó lixo. Isto é: non a trapeiros, metaleiros, e, ó tempo que se pon orde, córtase de raíz o posible aproveitamento directo do lixo, para o que non se deixa fenda algunha.

O punto 19.3 interpretado de xeito literal vai contra a celebración dos mercados… Ben, iría se se chegara aplicar tal cal, o que, de calquera xeito, non se fará. Unha cousa é escribilo e outra, facer cumprilo e aterse ás consecuencias. Por certo, coido que tamén vai en contra dalgún apartado da mesma ordenanza.

Cans e nenos en conflito? Parece que si: non poden estar os cans nos parques infantís. Pero hai nenos que teñen medo dos cans e outros que os consideran imprescindibles… É a compañía animal beneficiosa? A resposta é si, pero fóra?

Queda igualmente prohibida a exhibición dos animais de compañía destinados á venta en escaparates ou zonas expostas á vía pública ou a modo de reclamo comercial. A min non me parece mal, pero coido que somos minoría os que opinamos así. Está ben? É desexable?

29. “A sucidade da vía pública producida a consecuencia do uso común, especial e privativo será responsabilidade dos seus titulares”. Poñamos os vasos na rúa. Os titulares dos vasos poden ser os bares, e quen os deixa, os consumidores. Pero están na rúa, fóra do local… Xa vin máis veces que diferenzas deste tipo daban lugar a problemas ó non estar ben axustadas.

Os actos públicos sen motivo económico non necesitan solicitude. E polo tanto, non pagan taxas. Coido que está ben, se son para o ben común, pero o interese pode ser diferente do económico e non para o ben común. E, de calquera xeito, unha cousa é cursar solicitude con necesidade de aprobación, e outra, comunicar actuación para declarar responsabilidade (por exemplo, na xeración de lixo).

No artigo 38, de xeito implícito permítese durmir nos bancos do parque. A min paréceme ben, pero tampouco estou seguro que sexamos maioría os que opinamos así.

Aparece o feito da ‘recollida separada’. Tamén aplicable á ‘fracción resto’. E que é iso? Hai un apartado de definicións, pero non inclúe a de ‘fracción resto’.

Por último, o ‘street art’, ou é oficial, ou é punible. Iso da oposición entre oficial e punible é algo que medra como a escume. E non o vexo desexable, aínda que sempre haxa xeito de defendelo: procurando na nada, sempre hai xeito de defender todo, aínda aquelo que consideramos ‘indefendible’.

Por último, algo que pode parecer contraditorio con moito do anterior. Coido que unha normativa, se se quere que sexa cumprida de xeito consciente, debe ser, ao menos mentres non pase a ser algo do acervo común, comprensible. E para iso, é moi conveniente a simplicidade. Antes de aplicar 39 paxinas, hai que pensar na bondade de aplicación de aquelo de ‘o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento’.

En fin, algo de xeito rápido, máis que nada para facer pensar nun tema convinte para todos entre outros pode que máis urxentes.

Exit mobile version