Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha paciente denuncia unha demora de máis dun ano para poñer a segunda infiltración por un problema no ombreiro

A Mariña, a 27 de febreiro de 2021. Unha paciente denuncia que leva máis dun ano agardando para que lle administren a segunda infiltración por un problema no ombreiro dereito. A muller sufriu unha lesión no tendón do supraespinoso dereito, diagnosticada por ecografía. Desde o servizo de traumatoloxía decidiron administrarlle unha infiltración o día 12 de febreiro de 2020. O especialista recomenda tamén que entre a primeira e a segunda infiltración non pasen máis de seis ou oito semanas, e sae cunha nova cita para administrarlla o 25 de febreiro de 2020.

Pouco tempo despois é chamada para anularlle a citación e reprogramala para abril de 2020, cita que novamente é anulada sine die, usando a cada vez máis frecuente expresión “xa a chamaremos”. “A día de hoxe ainda non me chamaron e xa pasou máis dun ano da primeira, paréceme inaceptable, a paciencia ten un límite” – lamenta a paciente.

Ante esta demora vergoñenta, e tendo que soportar dor sin que se vislumbre unha solución, a muller decide contactar coa Plataforma Sanitaria da Mariña e solicitar a súa axuda para a redacción dunha reclamación. A devandita reclamación é rexistrada o día 4 de febreiro de 2021 con número de entrada 269, mais continúa actualmente na mesma situación despois de máis dun ano.

Consultada a situación das súas consultas, a cita para a infitración “desapareceu” dos rexistros.

A paciente, que consultou a súa situación a través da chave 365, puido comprobar que a cita para a infiltración non existía, o que nos leva a pensar que “é premeditado para que nunca figuren agardas excesivas e cadren os números nas estadísticas que filtran aos medios; así cando deciden citala introducen a nova data e cumplen sempre coa lei de garantías sanitaria; simplemente insultante”- constatan desde o colectivo.

Desde este colectivo esiximos ao Sergas que deixe de mentir a veciñas e veciños da Mariña, contándonos historietas da fantástica xestión que fan, inundando os medios de comunicación con reportaxes que só falan de metros cadrados e cartos para carteis publicitarios e fachadas no hospital da Mariña, para tapar a súa incompetencia. Xa non nos cola o gran interese que ten o goberno da Xunta e o Sergas polos pacientes.

Aclarámoslle ao deputado mariñao José Manuel Balseiro – “pois parécenos que sofre de certa incomprensión lectora” -que cando un servizo non é capaz de dar resposta ás necesidades dos pacientes, relegándoos ao olvido por falta de medios humanos e/ou tecnolóxicos, pois o servizo é como se non existise ou o que é peor, como se o eliminasen.

A coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro, insiste en que a mellor maneira de demostrar competencia, xestión eficiente e interés polas persoas é “cumprindo a lei de garantías sanitarias de verdade, sen trampas nin solicitudes que se perden nos caixóns”.

Exit mobile version