A verdade que neste ano largo que levamos de malas noticias nos eidos da saúde, da economía e do medio ambiente, ler no mesmo titular “medio ambiente” e “participación veciñal” fíxome sorrir de satisfacción e correr a ler a proposta de nova ordenanza ambiental. Era tempo, porque a ordenanza vixente -chea de grallas e incoherencias- quedou fai tempo obsoleta no que respecta tanto ás prácticas coma ás infraestruturas e instalacións do noso Concello. Aínda máis, datando do 2006 e coas sancións en pesetas, pódese dicir que naceu xa obsoleta.
Moito mudou desde aquela a normativa ambiental a todos os niveis e na nosa comprensión da problemática dos residuos: os vertedoiros rebosantes, as dioxinas da incineración e as illas de plástico nos océanos. Xa cedo, no ano 2008, chegou a Directiva Europea de Residuos (a das tres R), aprobándose despois un Plan Estatal e outro Autonómico, con obxectivos de redución e reciclaxe das distintas fraccións para o 2020 sen que nos déramos por aludidos.
Máis coñecemento, máis sensibilización e máis obrigas legais crean o marco idóneo para dar un salto de calidade na xestión dos residuos do noso Concello. Por iso sorprende que a proposta de nova ordenanza sexa só unha posta ó día do que xa existe, acompañada dunha serie de propostas de novas obrigas e sancións -algunha dando xa lugar ó chascarrillo- de dubidosa viabilidade se pensamos que as vixentes, menos esixentes, nunca foron adiante.
Que dicir dela? Primeiro, que sería convinte mudarlle o nome, xa que non fala de protección ambiental entendida de xeito global. Non fala de ruido, de rios, de fragas, de espazos protexidos, nin menciona os eucaliptos, os lumes, as fontes ou o glifosato. Fala do que fala, de residuos e limpeza viaria.
En segundo lugar, a proposta (repito, unha necesaria actualización da vella ó existente) non plantexa corrixir algunhas das eivas do noso funcionamento actual, como a pervivencia das papeleras “todo en un” mesmo en lugares sen recollida e espazos naturais, a ineficiente recollida de residuos no rural -onde priorizamos os colectores de restos fronte ós da separación-, a carencia dun servizo oficial e legal de recollida de cans abandoados.
En terceiro, mesmo corrixindo esas eivas a ordenanza vai nacer obsoleta se non reflicte un cambio de modelo de xestión dos residuos para afrontar os retos deste século. Unha ordenanza de residuos en 2021 debe falar de frear a obsolescencia con pedagoxía e reparación, da compostaxe da fracción orgánica, da devolución de envases ou da recollida porta a porta no rural…
En conclusión, apróbese esta ordenanza como punto de partida -non podemos seguir coa vella- pero ábrase a continuación o debate sobre como imos afrontar a transformación do noso modelo de xestión para dar cumprimento ás obrigas éticas e legais de redución da nosa pegada ambiental como xeradoras de residuos. A proposta publicada dá a entender que tal debate non chegou aínda ó Pazo de Ibáñez.