Lugo, 23 de febreiro de 2021. O presidente da Deputación, José Tomé Roca, tumbou co seu voto de calidade a moción do Grupo Provincial do Partido Popular que recollía a petición dos gandeiros da provincia e dos sindicatos agrarios de que o Goberno central non inclúa o lobo como especie protexida e, por tanto, de controlar a súa expansión para evitar os danos que causa nas explotacións lucenses.
Deste xeito, socialistas e nacionalistas refrendaron a decisión do Goberno central de catalogar a protección deste animal sen ter en conta o intereses dos afectados que, en días pasados, manifestaron a súa oposición á norma que pretende aplicar o Executivo de Pedro Sánchez.
Tal e como defendeu o deputado Jesús Díaz Núñez “os argumentos do Goberno para impoñer esta lei non se sustentan en nada”, sobre todo, dixo, cando o 90% da poboación desta especie se sitúa no norte do país; o que amosa que o lobo “non está en risco de extinción”.
“Non teñen en conta os criterios de poboación, nin os graves prexuízos que causa ao sector agrogandeiro. Ás reclamacións das comunidades do norte do Douro, tamén se uniron as de Madrid ou da Rioxa. Todos estamos en defensa do entorno natural, polo que non entendemos porque hai que poñer unha venda cando non hai nada que vendar. Pedimos que se escoite aos territorios afectados e aos gandeiros”, insistiu.
Neste senso, o popular e alcalde de As Nogais -por tanto, perfectamente coñecedor do medio rural e do asunto da moción- reprobou que, para xustificar a súa decisión, o bipartito apelase, novamente, á Xunta de Galicia. “Xa está ben. Non aproveiten todo para atacar a Feijóo, cando o que meteu a pata foi o Goberno central”, afirmou con rotundidade.
A decisión do Estado ao detalle
A decisión do Estado non parece tomar en conta que o lobo en Galicia cumpre as condicións que marca a Directiva Hábitats. Esas condicións, en resumo, son que os datos sobre a dinámica das poboacións das especies en cuestión indiquen que a mesma segue e pode seguir constituíndo a longo prazo un elemento vital dos hábitats naturais aos que pertenzan; a área de distribución natural da especie non se estea reducindo nin ameace con reducirse nun futuro previsible; exista e probablemente siga existindo un hábitat de extensión suficiente para manter as súas poboacións a longo prazo.
Incluír ao lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial conlevaría poñer trabas á xestión desta especie tal como se veu desenvolvendo durante estes últimos anos, mediante o Plan de Xestión do Lobo en Galicia, para garantir a viabilidade desta especie no noso territorio e compatibilizar este obxectivo coa gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias. Ademais, a situación actual do rural, as actividades agrícolas e os usos tradicionais do monte está a ser un elemento favorecedor para a extensión do hábitat idóneo para esta especie.
Esta medida prexudica, sobre todo, á gandaría extensiva, que é a máis ecolóxica, permite unha xestión sostible da biomasa, axuda a previr incendios e favorece e preserva os habitats naturais.
Danos do lobo na provincia
A provincia de Lugo rexistrou en 2020 un total de 678 avisos por ataques, nos que faleceron 1.036 animais. Destas notificacións, 209 foron por cabalos, 382 por ovellas, 70 por cabras e 375 por vacas. Os concellos cunha maior incidencia foron o pasado ano, por esta orde, Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba e Xove.