Santiago de Compostela, 10 de febreiro 2021. Peno. A portavoz en materia de pesca do BNG, Rosana Pérez instou hoxe á Xunta a iniciar os trámites diante do goberno do Estado para o recoñecemento de Galiza como “zona altamente dependente da pesca”, demandar xestións para promover a revisión do chamado “principio de estabilidade relativa” cara un reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país, instar ao goberno do Estado ao recoñecemento da capacidade directa de negociación de Galiza e da súa participación e consentimento naquelas cuestións de especial relevancia para a súa economía, nomeadamente en materia pesqueira, programar plans de continxencia e de apoio económico e social para o sector pesqueiro e as zonas máis afectadas polo recente acordo entre a UE co fin de paliar as consecuencias puntuais máis inmediatas do mesmo, promover unha comisión no parlamento galego sobre o acordo e dar cabida as forzas políticas con representación parlamentaria no Consello galego de Pesca onde se abordan as consecuencias do Brexit para o sector pesqueiro galego.
Os puntos 1,2,3 e 4 da proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista acadaron o apoio da Cámara, agás os puntos 5 e 6 relativos a crear unha comisión parlamentaria sobre o Brexit e incorporar a un ou unha representante das forzas políticas parlamentarias, ambos puntos rexeitados polo grupo maioritario do Partido popular.
Na súa intervención, Rosana Pérez recalcou que o sector da pesca galega leva “en modo Brexit” dende o ano 86 e apelou “ a non fiar todo ao Fondo de Compensación para salvar “o fiasco” para a pesca galega por mor do acordo da UE co Reino Unido.
Tras a intervención da portavoz popular, Teresa Egerique, a nacionalista criticou “a submisión” do PP ás directrices da Unión europea e lembrou a frase da conselleira de Mar, afirmando que “vai a ver que pensar en fixar unha cota mínima de pescadores para garantir a súa sostibilidade”. A nacionalista afeou a tibieza do grupo parlamentario do Partido popular á hora de votar a iniciativa do BNG. Vostedes, dixo, votarán a favor de todos os puntos relativos ás demandas a outras administracións pero o punto seis, dedicado a exercer as competencias galegas, “aí non me lo toquen”, ironizou.
O PP, remarcou Rosa Pérez supera á Unión europea no principio de estabilidade relativa. Por outra banda, engadiu que ter presenza no Consello Galego de pesca, non é “ningún favor que nos faría o goberno galego” está recollido no propio decreto e respondeulle á portavoz popular que demandar a presenza das forzas políticas no consello non obedece á intención de querer intrumentalizalo como previamente afirmara Teresa Egerique. O único que instrumentaliza o Consello Galego de Pesca é “o goberno galego” que dirixe as decisións deste organismo.
A parlamentaria salientou que a proposta do BNG foi elaborada con tempo, seriedade e o rigor que merece o asunto. “Non é unha enumeración de acordos conxunturais para poñer parches nun barco que fai augas por todos os lados”, é unha proposta para defender o sector da pesca galega e lamentou que o Partido popular, unha vez máis, impedira que prospera a iniciativa nacionalista na súa totalidade.