Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten destinado a melloras no porto de Burela nos últimos meses un investimento total de máis de dous millóns de euros, dos que 1,3 corresponden a actuacións xa executadas e 980.000 euros a actuacións comprometidas en proceso xa de licitación. Así o explicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, hoxe en resposta a unha pregunta oral na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia.
Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia vén de rematar a segunda fase das obras de ampliación do abrigo do peirao, o coñecido como segundo martelo, no que investiu 1,2 millóns de euros e que se atopa xa en servizo. Así mesmo, rematáronse xa os traballos de renovación da cuberta dos departamentos de armadores, o corte do peirao para facilitar a operativa de atracada para os barcos de maior calado e a reparación da cuberta da nave de Expomar. En total estas actuacións supuxeron unha achega de 100.000 euros.
Ademais, a presidenta do ente público referiu as actuacións previstas para os vindeiros meses. Neste sentido, trasladou que xa está asinado o contrato para a execución das obras de mellora da envolvente da nave de redes, por importe de 267.000 euros. A maiores están en licitación melloras no control de accesos do peirao comercial rexido polo código internacional de seguridade PBIP, a redacción do proxecto de dragaxe, o deseño da solución técnica para o incremento de prazas de amarre na lámina de auga e o estudo para o reforzo do dique. En total, o importe xa comprometido a día de hoxe para as próximas actuacións achégase ao millón de euros.
Finalmente, Susana Lenguas destacou o compromiso de Portos de Galicia co peirao de Burela, “un porto de referencia en venda de pesca fresca” e no que “a Xunta de Galicia ten invertido dende 2009 arredor de 11 millóns de euros”, apuntou.