Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas demandan negociar un novo modelo eólico coa participación de tódolos sectores implicados

Lugo, 20 de febreiro de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o martes, unha moción coa que demandan ao Goberno de Feijóo “negociar un novo modelo eólico coa participación de todos os sectores implicados”.

A través desta iniciativa, o PSdeG propón “unha solución aos múltiples problemas de transparencia, participación, asesoramento e garantías medioambientais xerados polos consecutivos regulamentos do PP dende o ano 2010”. Nesta proposta, lembran que “no ano 2019, Galicia volveu ao crecemento da potencia instalada en parques eólicos, con 415,24 MW e 18 parques novos. E as previsións para o decenio 2020-2030 apuntan a que se construirán uns 4.500 MW novos, o que suporá máis do dobre da potencia instalada actualmente”.

Así as cousas, sinalan que “o éxito da instalación desa nova potencia eólica baseado na declaración de utilidade pública para os proxectos e a afectación dos terreos foi determinante nos distintos procesos de expropiación. Este marco regulatorio introduciu desigualdades na negociación e unha falta de transparencia cara os propietarios/as, as comunidades rurais e os concellos”.

Por iso, advirten de que “a falta de participación das comunidades afectadas no proceso de desenvolvemento dos parques eólicos vén causando conflitos sociais e medioambientais, que chegan con regularidade ós medios de comunicación e mesmo ós informes da Valedora do Pobo”.

Conxugar os proxectos cos dereitos dos propietarios e o consenso social
Os socialistas afirman que diante deste escenario “é necesario elaborar un novo modelo eólico integral que conte coa participación de todos os sectores implicados, de xeito que se poda conxugar o desenvolvemento dos proxectos empresariais cos dereitos dos propietarios e o consenso social das comunidades onde se instalan os parques eólicos”.

Na moción rexistrada, o PSdeG demanda establecer os tipos de gravame nos máximos permitidos para os impostos de xestión municipal vinculados coa actividade eólica; fixar o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental a partir da potencia instalada no parque eólico, e que a recadación íntegra se destine a melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas.

Establecer un modelo de “contrato tipo”
Tamén solicitan que dende a administración autonómica se incentiven fórmulas para favorecer unha negociación equilibrada entre promotor e propietario, así como establecer un modelo de “contrato tipo” para favorecer a transparencia e as garantías dos propietarios/as rurais; a creación dunha oficina de asesoramento técnico, administrativo e medioambiental para concellos e comunidades afectadas; reforzar as garantías patrimoniais e medioambientais dos territorios afectados pola instalación de novos parques eólicos; e propoñer, en coordinación co Goberno do Estado, o deseño de figuras específicas para o fomento de parques eólicos comunitarios e estudar a recuperación da figura dos parques eólicos singulares.

Exit mobile version