O portavoz popular, Óscar Rodríguez, explica que os máis de 300.000 euros municipais que propoñen para axudas a autónomos e pequenas empresas saen de sumar os case 200.000 euros que quedaron sen adxudicar o ano pasado ao 1% do orzamento do Concello para este ano. Rodríguez di que, ademais da consignación dos cartos, é fundamental que as bases polas que se rexan as axudas non repitan os erros das da pasada convocatoria, porque foron moitos os que non puideron optar a elas. O portavoz popular lamenta que os concellos e as deputacións non se sumaran á Xunta para a tramitación destas aportacións. Rodríguez di: “A Xunta, na primeira quenda de axudas, repartiu 86 millóns de euros en 90 días; na segunda, vai repartir 75 coa mesma eficacia, porque dispón dos recursos necesarios para facelo. Moito me temo que, no caso de Viveiro, cando se distribúan as axudas municipais moitas empresas xa non existirán”.
Por outro lado, Rodríguez cualifica de covardía política a negativa do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro a negativa a apoiar a moción popular na que tamén propoñía instar ao Goberno central a abrir unha liña de axudas directas aos sectores produtivos. Na mesma moción, os populares solicitaban o apoio da corporación para reclamar do Goberno central a redución ao 4% do IVA turístico.