Site icon Crónica3.com A Mariña

Os museos provinciais reparten 400 láminas e caraveis para celebrar o Día de Rosalía

Lugo, 24 de febreiro de 2021. Os museos da rede provincial -o Museo de Lugo, o Museo de San Cibrao, o Pazo de Tor, en Monforte, e o Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol- están a agasallar ás visitas cunha ilustración e un fror para celebrar o Día de Rosalía.

Tratáse dun debuxo en carbón realizado pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos sobre os versos do poema “Cando a luniña aparece” de Cantares Galegos e que forma parte dun volume editado polo Centro de Artesanía e Deseño no 150 aniversario do poemario de Rosalía.

Os museos dispoñen de 400 reproducións da lámina e outras tantas flores para que os visitantes recollan durante toda a xornada, no horario de apertura habitual, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e uso de xel hidroalcólico antes de recoller as ilustracións.

Xúntase ao agasallo unha copia do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), asinado pola escritora Anna R. Figueiredo.

Ofrenda floral no parque de Rosalía, en Lugo

A vicepresidenta Maite Ferreiro e o deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro participaron na ofrenda floral organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ante o busto de Rosalía de Castro no parque lucense que leva o seu nome e no que se reivindicou un ano máis o recoñecemento oficial desta data, na que se celebra o nacemento da escritora.

Programación en colaboración con concellos, asociacións e centros de ensino

Tomando como punto de partida esta data, a Vicepresidencia programará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, quince representacións teatrais das obras “A pluma víva de Rosalía” de Os Quinquilláns, “Rosalía” de Fina Calleja e “A viaxe de Rosalía” de Larraitz Urruzola, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.

Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.

Exit mobile version