Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos de Ribadeo e Barreiros solicitan un obradoiro de emprego conxunto para difundir o patrimonio local

Ribadeo, 25 de febreiro de 2021. Os Concellos de Ribadeo e Barreiros solicitan un obradoiro de emprego conxunto por segundo ano. Denomínase Territorio Vivo e terá como obxectivo promover e difundir o rico patrimonio local. Estará dirixido a 16 xoves desempregados, menores de 30 anos, e que estean incluídos no programa de garantía xuvenil. Contempla, entre outras actuacións, a creación dunha nova xeoruta pola ría de Ribadeo e unha ruta entre ambos concellos. Este asunto irá ao vindeiro pleno extraordinario.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “por segundo ano queremos solicitar un obradoiro conxunto entre Ribadeo e Barreiros, neste caso denominado Territorio Vivo, e o proxecto querémolo artellar arredor da idea de que quen non coñece o seu patrimonio non pode conservalo nin protexelo. Nosoutros, ambos os dous concellos, temos a sorte de ter un rico patrimonio, tanto histórico cultural como natural, e queremos promover e difundir todo isto e ao mesmo tempo educar á sociedade en valoralo para crear un vínculo necesario entre esa sociedade e o patrimonio local”.

O rexedor explicou que “plantexamos un obradoiro de 16 persoas, dirixido a menores de 30 anos desempregados, que estean incluídas no programa de garantía xuvenil e, a través deste proxecto, poderanse obter dous certificados profesionais, un deles en educación e interpretación medioambiental nun nivel dous e outro nunha especialidade de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos nun nivel tres. Polo tanto, os traballos que se pretenden desenvolver na parte histórico documental, no que ten que ver cos arquivos, ademais de continuar coa organización da documentación do arquivo municipal, queremos tamén facer unha indización dos libros de actas históricas do Concello, é dicir, queremos facer un resumo do que se atopa nas actas históricas desde o século XVI, dado que a comprensión lectora actual nos impide saber o que escribiron os nosos devanceiros que estiveron e que formaron parte e foron o Ribadeo de séculos atrás. Isto nos parece moi interesante para recuperar moita da historia que temos, pero que non sabemos acceder a ela”.

Suárez Barcia engade que “por outra banda, desde o patrimonio natural, queríamos proceder á creación dunhas xeorutas, no caso de Ribadeo dunha nova xeoruta pola ría de Ribadeo, e tamén queríamos a creación dunha ruta que una aos dous concellos. Sabemos que este tipo de accións teñen moita demanda no que vai ser o vindeiro turismo, o turismo que veña despois da pandemia, con espazos e sitios abertos e temos lugares e capacidades moi importantes para levar isto adiante”.

Exit mobile version