Lugo, 21 de febreiro de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo esixirá a Xunta o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación provincial, que aumente as aportacións no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ordinario e que elimine o copago das persoas usuarias co fin de que sexa asumido pola administración autonómica.
O PSdeG tamén reclama nesta proposta “que a Xunta de Galicia incremente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que é da súa competencia, que xestionan os concellos e que permanece conxelado dende o ano 2012, de xeito que se axuste á realidade do prezo/hora actualmente vixente e se preste este servizo público esencial coa máxima calidade e coas mellores condicións de traballo para os/as profesionais deste servizo”.
A loita contra a pandemia do Covid-19 requiriu dos concellos a intensificación e a realización de novas tarefas, nomeadamente no eido dos servizos sociais municipais, onde se implementaron todo tipo de medidas extraordinarias. Ademais, foi preciso dar resposta tamén a novas problemáticas xurdidas pola pandemia, como foron as distintas situacións de necesidade froito do peche dos centros de día, sociocomunitarios, ocupacionais, escolas infantís, puntos de atención á infancia, ludotecas ou residencias de tempo libre.
“Nun contexto tan excepcional como o que nestes intres están vivindo todos os concellos da provincia de Lugo, o Goberno de Feijóo non pode mirar cara a outro lado e deixar sen dotacións aos usuarios das residencias, dos centros de día e do SAF, máxime cando non é unha competencia municipal”, advirten os socialistas.
O PSdeG lembra que en abril de 2020 a Xunta de Galicia anunciaba un Servizo de Axuda no Fogar extraordinario para dar resposta as situacións de emerxencia durante o tempo da alerta sanitaria provocada polo Covid-19. “En concreto informábase de que se incrementarían as horas mensuais aos concellos para o coidado a domicilio das persoas con necesidades asistenciais, e unha maior achega económica ao mesmo”.
A Xunta non achegou orzamento
Sen embargo, estas medidas non viñeron acompañados de ningunha partida orzamentaria. “A Xunta comprometíase a asumir o copago dos usuarios da dependencia no SAF ordinario, pero con posterioridade, en novembro de 2020, anunciaba a retirada deste servizo extraordinario aos usuarios dependentes que por mor da situación epidemiolóxica o estaban a percibir”, subliñan os socialistas.
Presión sobre os servizos sociais municipais
“Nunha situación de pandemia como a que estamos vivindo a presión sobre os servizos sociais municipais foi e está a ser xeneralizada. Un dos maiores gastos locais para a maioría dos concellos galegos é o custe que supón o SAF pola ausencia de actualización da cota que a Xunta debe aportar a este servizo público esencial para a cidadanía. Por todo isto consideremos urxente que o Goberno da Xunta de Galicia asuma o copago do total dos usuarios do SAF ordinario en Galicia neste contexto de crise sanitaria; así como incrementar a achega que fai a administración autonómica”, sinala o PSdeG.