Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente anuncia un Plan de Impulso da Economía da Provincia dotado con 7M€, o 8% do Orzamento da Deputación

Lugo, 18 de febreiro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves un Plan de Impulso da Economía da Provincia dotado con 7M€, o que supón o 8% do Orzamentos da institución provincial, “un investimento e un esforzo moi importante”. “Seguiremos contribuíndo a paliar o impacto da pandemia con 10 medidas de apoio, promoción e incentivo do consumo nos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local”, subliñou José Tomé.

No acto, celebrado no Salón de Actos, estiveron presentes o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, os presidentes da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, e da Federación de Comercio, José María Seijas, cos que o mandatario provincial mantivo unha reunión previa para informalos da iniciativa, no marco do seu diálogo constante cos axentes sociais e económicos da provincia.

Asistiron tamén a voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e os Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez; de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; de Medio Ambiente, José Luis Raposo; de Muller e Igualdade, María Loureiro; de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias; de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira; e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas.

Sen fondos extraordinarios
O Goberno provincial desenvolve, dende que comezou a pandemia, “políticas e accións importantes para paliar os seus efectos na economía e na xente, dentro das nosas posibilidades e cos recursos económicos dos que dispoñemos”, asegurou o Presidente, quen lembrou, neste sentido, que, “despois dun ano, as administracións locais non recibimos nin un só euro extra para combater o impacto da crise, cando as necesidades son maiores. Mentres, os gobernos autonómicos, no noso caso a Xunta de Galicia, si que ingresou xa cuantiosos fondos do Estado en 2020, concretamente 224M€, e recibirá máis da Unión Europea”.

Dentro do compromiso da Deputación “de facer todo o que está nas nosas mans para loitar contra o impacto da crise, hoxe damos un paso máis, moi importante”, asegurou José Tomé, co Plan de Impulso da Economía da Provincia, que inclúe “un decálogo de medidas de apoio, de promoción e de incentivo do consumo, que combinan, por unha parte, a inxección directa de recursos nos sectores máis afectados pola pandemia, e, por outro, a creación de valor engadido e a xeración dun efecto multiplicador na economía porque, como sempre dixemos, queremos unha recuperación sostible no tempo, estable e eficaz do tecido produtivo”, explicou José Tomé.
Ademais, sinalou o Presidente, son medidas coas que “a Deputación cumpre de maneira transversal cos obxectivos marcados na Axenda 2030 das Nacións Unidas, que favorecen o desenvolvemento sostible e o traballo digno; a igualdade entre persoas; a saúde e o benestar; e a protección e a promoción do medio ambiente”.

Decálogo de medidas
– BONOS PARA O FOMENTO DO CONSUMO NA HOSTALERÍA E NO COMERCIO LOCAL.
O Presidente anunciou que a Deputación de Lugo fará unha inxección económica de máis de medio millón de euros (510.000€) nos negocios hostaleiros e comerciais de todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes co reparto duns 17.000 bonos, cun importe de 30€ cada un deles, para consumir ou para mercar nos establecementos.
“Estes bonos suporán un beneficio económico directo e inmediato nos negocios, e, ao mesmo tempo, terán un efecto multiplicador na economía, ademais de poñer en valor e promocionar a hostalería e o comercio de proximidade da provincia de Lugo”, explicou José Tomé.
“Temos un antecedente moi próximo que demostrou a eficacia de medidas de estímulo do consumo coma esta: a campaña de apoio ao comercio no pasado Nadal. Gracias a esta colaboración da Deputación coa Federación de Comercio, xerouse un volume de negocio de máis de 2,3M€ en compras realizadas en 5.500 comercios de proximidade”, sinalou.

– PROGRAMA COÑECE A TÚA PROVINCIA.
A Deputación poñerá en marcha un novo programa, denominado Coñece a túa provincia, dotado con 200.000€ e destinado a fomentar o turismo de proximidade entre os veciños e veciñas da propia provincia de Lugo, o que contribuirá á recuperación sostible do sector turístico e da hostalería. Este programa está dirixido a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia, e ofrece viaxes en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da xeografía lucense, seguindo diversas rutas: Lugo Cultural, Rutas Gastronómicas e Agroalimentarias, e Lugo Natural.

– PROGRAMA SABOREA A TÚA PROVINCIA.
Co obxectivo de promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade, a Deputación lanzará o programa Saborea a túa provincia, que consiste en xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia, unha cada fin de semana, na que cociñeiros e cociñeiras lucenses colaborarán con establecementos locais para ofrecer pratos con produtos típicos de cada zona. Ademais, haberá actividades para todos os públicos.
Paralelamente aos programas Coñece a túa provincia e Saborea a túa provincia, a Deputación tamén ofrecerá, as fins de semana, actividades de turismo activo e deportivo, e actividades fluviais, para público xuvenil e familiar.

– FOMENTO DAS VIAXES EN CATAMARÁN POLA RIBEIRA SACRA.
Entre outras actuacións de promoción da Ribeira Sacra no ano no que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, a Deputación fomentará as rutas fluviais en catamarán sorteando viaxes, o que potenciará aínda máis o efecto multiplicador que este servizo turístico público terá sobre a economía da zona.
A todo isto, subliñou o Presidente, sumarase o impacto do paso pola provincia da Volta Ciclista a España 2021, que terá como final de etapa Monforte o día 3 de setembro.

– AMPLIACIÓN DO PROGRAMA LUGO TERMAL A MAIORES DE 50 ANOS.
Como medida para aumentar o beneficio directo do programa Lugo Termal nos balnearios da provincia –en Lugo, Pambre e Pantón-, a Deputación amplía os beneficiarios deste bonos, de modo que poidan participar maiores de 50 anos, e cun acompañante que non teña necesariamente esta idade. Lugo Termal ofrece descontos aos veciños e veciñas para facilitarlles o acceso a estes establecementos e recibir terapias mineiromedinais.

– AXUDAS DIRECTAS A COLECTIVOS PARA A PROMOCIÓN DO TERRITORIO.
A Deputación inxectará 100.000€ nos colectivos que impulsan o desenvolvemento do territorio con proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural. Como exemplo do tipo de iniciativas aos que vai dirixida esta medida, o Presidente puxo o plan de recuperación, conservación e aproveitamento económico dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, finalista nos premios Copa de España Creativa 2020, que recoñecen os proxectos máis innovadores e creativos do Estado para favorecer o desenvolvemento do territorio.

– COLABORACIÓN DIRECTA CO TECIDO ASOCIATIVO DA PROVINCIA.
No marco da colaboración directa e permanente que a Deputación mantén co tecido asociativo, este ano destinará máis de 1M€ para asociacións do eido social, económico, turístico e audiovisual da provincia de Lugo “para prestar unha axuda fundamental a proxectos que teñen un efecto directo no mantemento do emprego e na recuperación económica”, explicou José Tomé.

– DIXITALIZACIÓN DE AUTÓNOMOS E PEMES.
A Deputación destina 1,7M€ para mellorar a competitividade e a rendibilidade do tecido empresarial a través das novas tecnoloxías cun programa gracias ao que, polo menos, 770 autónomos e PEMES da provincia diversificarán e modernizarán a organización da súa empresa, tamén tecnoloxicamente.

– MELLORA DA EMPREGABILIDADE DE PARADOS DE LONGA DURACIÓN.
A Deputación dispón 370.000€ para a formación de máis de 250 persoas desempregadas de longa duración, en sectores con gran potencial de emprego na provincia, como son: a atención sociosanitaria a dependentes, e a renovación xeracional no sector vitivinícola, isto último tendo en conta que a Ribeira Sacra aspira a ser declarada este ano Patrimonio da Humanidade, o que pode dar tamén un impulso ao coñecemento dos viños desta denominación.

– FORMACIÓN DE MOZOS DESEMPREGADOS.
Dentro do seu compromiso para ofrecer oportunidades á mocidade que no encontra emprego para que poida facer o seu proxecto de vida na provincia, a Deputación dedica 2,3M€ para promover un programa de fomento do emprego dirixido a 600 mozos e mozas, a través do cal poderán traballar en empresas, en especial, en entidades do Terceiro Sector.
A maiores, o Plan Único
O Presidente da Deputación lembrou que, a este novo decálogo de 10 medidas, súmase a liña Covid do Plan Único, grazas á que os concellos poden dispoñer de fondos para medidas sociais e económicas contra a Covid, e, máis en concreto, para apoiar ao sector servizos, a hostalería, o comercio e o turismo.

A Xunta ten as competencias e ten os recursos
“O papel das Deputacións é este: colaborar cos concellos e co tecido produtivo, con actuacións de impulso, de promoción e de recuperación da economía, mentres que as axudas directas aos sectores económicos afectados, segundo a Lei e segundo os recursos, correspóndelle ós Gobernos autonómicos, no noso caso, a Xunta de Galicia”, recalcou o Presidente. “Ten o deber de facelo por tres razóns claras: porque ten as competencias, segundo o Estatuto de Autonomía; porque ten os recursos económicos, pois conta este ano cuns orzamentos récord de 11.563M€, xa ingresou 224M€ do Estado, e recibirá 441M€ da Unión Europea, expresamente destinados a establecer axudas aos sectores prexudicados pola pandemia; e porque é a Xunta de Galicia a que aproba as restricións sanitarias. Non somos os concellos ou as deputacións. A Xunta decide cando pecha e cando abren os negocios, e polo tanto, o que rompe, paga”.

Deste xeito, a Deputación pide ao Executivo autonómico que dedique “máis fondos para apoiar aos sectores económicos máis afectados pola pandemia, porque os ten; e transparencia sobre o destino deses recursos extraordinarios porque de momento non a hai. A día de hoxe, non sabemos cantos cartos levan gastados realmente. Parece lóxico que, se os concellos e as deputacións non estamos recibindo nin un euro, que menos que saber a onde se destina ese diñeiro”, afirmou José Tomé. “Ata agora, a Xunta só conta coas deputacións e cos concellos cando lle interesa, para tapar as críticas polo peche da hostalería”.

Exit mobile version