Lugo, 17 de febreiro de 2021. O grupo provincial do PP rexistrou hoxe unha moción na Deputación na que propón que o pleno mostre a súa desconformidade coa inclusión de todas as poboacións do lobo ibérico ao norte do Douro na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (LESRPE). Os populares propoñen instar ao Goberno de España a manter o actual status legal das poboacións de lobo ao norte do río Douro.
O deputado provincial popular Jesús Manuel Núñez Díaz explica: “O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico vén de decidir incluír ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, unha decisión que é contraria aos intereses das comunidades do norte do río Douro (Castela e León, Asturias, Cantabria e Galicia), que son as que concentran máis do 90% do lobo de España e cuxas explotacións gandeiras sofren os ataques. É unha decisión que non parece tomar en conta que o lobo en Galicia cumpre as condicións que marca a Directiva Hábitats”. Esas condicións, en resumo, son que os datos sobre a dinámica das poboacións das especies en cuestión indiquen que a mesma segue e pode seguir constituíndo a longo prazo un elemento vital dos hábitats naturais aos que pertenzan; a área de distribución natural da especie non se estea reducindo nin ameace con reducirse nun futuro previsible; exista e probablemente siga existindo un hábitat de extensión suficiente para manter as súas poboacións a longo prazo.
O mesmo deputado sinala que “incluír ao lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial conlevaría poñer trabas á xestión desta especie tal como se veu desenvolvendo durante estes últimos anos, mediante o Plan de Xestión do Lobo en Galicia, para garantir a viabilidade desta especie no noso territorio e compatibilizar este obxectivo coa gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias”. Engade que “a situación actual do rural, as actividades agrícolas e os usos tradicionais do monte está a ser un elemento favorecedor para a extensión do hábitat idóneo para esta especie”.
Os populares sinalan na moción que as poboacións de lobo en Galicia en termos xerais mantéñense e mesmo experimentaron un certo aumento nos últimos 15 anos, tal e como o indican os seguimentos realizados nalgunhas zonas e tendo en conta os datos de danos ocasionados ao gando. Tamén destacan que “a área de distribución do lobo en Galicia de acordo co último censo realizado supón un 72,17% do territorio galego, concluíndo que a presenza do lobo en territorio galego é xeneralizada. Se a maiores temos en conta os datos de indicios, áreas de campeo e presenza de manadas reprodutoras esta porcentaxe suporía un 94% do territorio galego.
Polo tanto, sinala Núñez Díaz, “non hai argumentos para considerar a esta especie precisada dunha atención e protección particular ao amparo da listaxe de especies silvestres de protección especial”.