Lugo, 24 de febreiro de 2021. Os deputados do PP no Congreso defenderán mañá na Comisión de Transición Ecológica a primeira das iniciativas en apoio aos intereses dos gandeiros da nosa provincia pedindo ao Goberno que non inclúa ao lobo como especie protexida.
Os populares pedirán ao Goberno, a través dunha Proposición No de Ley, que elabore de forma urxente as directrices que permitan ás autoridades con competencias adoptar medidas de control sobre as poboacións de lobo para favorecer a coexistencia coa actividade gandeira. Os deputados do PP continuarán a apoiar aos gandeiros nesta Cámara con outras iniciativas en distintas comisións como será o caso da Comisión de Agricultura onde se centrarán na defensa da gandería en extensivo.
Os deputados do PP lucense, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, queren “saber se os deputados do PSOE e do BNG seguirán a liña do Goberno provincial que onte no pleno da Deputación votaba en contra da proposta do Grupo Provincial Popular para o control da expansión do lobo co obxectivo de evitar os danos que causa nas explotacións lucenses. Mañá teremos unha nova ocasión para comprobar quen está a favor e quen está en contra dos gandeiros da nosa provincia”.
Tomé e o Goberno provincial, en contra dos gandeiros
A sesión plenaria da Deputación celebrada este martes serviu para comprobar o posicionamento do presidente da Deputación, José Tomé Roca, que tumbou co seu voto de calidade a moción do Grupo Provincial do Partido Popular que recollía a petición dos gandeiros da provincia e dos sindicatos agrarios.
Os socialistas e os nacionalistas refrendaron a decisión do Goberno central de catalogar a protección deste animal sen ter en conta os intereses dos afectados que, en días pasados, manifestaron a súa oposición á norma que pretende aplicar o Executivo de Pedro Sánchez sen ter en conta que o lobo en Galicia cumpre as condicións que marca a Directiva Hábitat.