Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lucense presentará iniciativas nos Concellos, no Congreso e no Senado demandando que o Goberno non inclúa o lobo como especie protexida

Lugo, 18 de febreiro de 2021. O Partido Popular presentará iniciativas nos Concellos, no Congreso dos Deputados e no Senado para demandar ao Goberno central que non inclúa o lobo como especie protexida. Esta medida súmase á anunciada no día de onte polo Grupo Provincial na Deputación, a través da que no pleno do vindeiro martes, os deputados do PP tamén demandarán que se manteña o actual status das poboacións desta especie.

Esta “ofensiva conxunta”, explica a presidenta provincial, Elena Candia, obedece á intención do ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico de engadir ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, unha decisión que é contraria aos intereses das comunidades do norte do río Douro (Castela e León, Asturias, Cantabria e Galicia), que son as que concentran máis do 90% do lobo de España e cuxas explotacións gandeiras sofren os ataques.

“Son moitos os danos ocasionados nas explotacións de todos tipo na nosa provincia”, advirte a presidenta provincial, indicando que “nós o que pedimos é que se controle a súa expansión, xa que as perdas que se lles ocasionan aos nosos gandeiros son moi elevadas”. Concretamente, segundo datos facilitados pola consellaría de Medio Ambiente, a provincia de Lugo rexistrou en 2020 un total de 678 avisos por ataques. Destes, 209 foron a cabalos, 382 a ovellas, 70 a cabras e 375 a vacas. Resultaron falecidos 1.036 animais.

Datos “alarmantes e moi preocupantes”
Os datos, segundo destaca a dirixente dos populares na provincia, “son alarmantes e moi preocupantes”, polo que “non hai argumentos para considerar a esta especie precisada dunha atención e protección particular ao amparo da listaxe de especies silvestres de protección especial”.

Os concellos cunha maior incidencia foron, por esta orde: Abadín, con 84 avisos e 96 animais mortos; Muras, con 76 notificacións e 85 reses falecidas; Ourol, con 68 avisos e 73 cabezas de gando afectadas; O Valadouro, con 68 chamadas e 84 animais perecidos; Vilalba, con 60 notificacións e 92 reses mortas; e, Xove, con 32 avisos e 50 cabezas de gando falecidas.

En total, os gandeiros da provincia formalizaron 557 solicitudes de axudas á Xunta de Galicia por estes ataques, correspondentes a 900 animais (194 equinos, 331 ovinos, 58 cabrún e 317 vacún); o que supuxo un custe para a administración autonómica de máis de 197.000 euros. “É dicir, de controlada a súa incidencia, o Goberno galego non se vería na obriga de conceder estas axudas, polo que podería aforrar estes case 200.000 euros e investilos noutras actuacións da provincia”, remarca Candia.

A decisión do Estado ao detalle
A decisión do Estado non parece tomar en conta que o lobo en Galicia cumpre as condicións que marca a Directiva Hábitats. Esas condicións, en resumo, son que os datos sobre a dinámica das poboacións das especies en cuestión indiquen que a mesma segue e pode seguir constituíndo a longo prazo un elemento vital dos hábitats naturais aos que pertenzan; a área de distribución natural da especie non se estea reducindo nin ameace con reducirse nun futuro previsible; exista e probablemente siga existindo un hábitat de extensión suficiente para manter as súas poboacións a longo prazo.

Incluír ao lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial conlevaría poñer trabas á xestión desta especie tal como se veu desenvolvendo durante estes últimos anos, mediante o Plan de Xestión do Lobo en Galicia, para garantir a viabilidade desta especie no noso territorio e compatibilizar este obxectivo coa gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias. Ademais, a situación actual do rural, as actividades agrícolas e os usos tradicionais do monte está a ser un elemento favorecedor para a extensión do hábitat idóneo para esta especie.

Esta medida prexudica, sobre todo, á gandaría extensiva, que é a máis ecolóxica, permite unha xestión sostible da biomasa, axuda a previr incendios e favorece e preserva os habitats naturais.

Exit mobile version