Lugo, 18 de febreiro de 2021. O grupo popular na Deputación ve con absoluta decepción o que o goberno presidido polo socialista José Tomé cualifica como plan de impulso da economía da provincia, porque, en palabras do seu portavoz, Javier Castiñeira, “é un plan de fume, de maquillaxe e que tenta tapar os complexos dun goberno da Deputación de Lugo que chega tarde a todo o que se lle presenta”.
Castiñeira sinala: “Dende o grupo popular, unha vez analizada a rolda da prensa na que o equipo de goberno da Deputación presentou o plan de impulso ao tecido económico lucense, temos que cualificalo de absoluto fraude. Quedamos abraiados por esta operación de maquillaxe dos complexos do goberno provincial por non ter actuado a favor dos nosos autónomos e empresarios desde o primeiro momento, cando o pediu o Partido Popular”. Lembra que “en maio do ano 2020, cando saímos do confinamento, dixemos que as nosas empresas necesitaban a axuda da Deputación de Lugo”.
Para Castiñeira é un plan que demostra “complexo fronte á Xunta de Galicia, que acaba de sacar xa o seu segundo plan de axudas”. Pregúntase: “Fronte a isto, que temos?”. E a resposta é esta: “Temos unha Deputación que o único que pretende é maquillar o que xa ten feito dende hai varios anos. Non se pode falar de algo novidoso cando seguimos falando do servizo de catamaráns, do Lugo Termal, de novo do Coñece a Túa Provincia e dos plans de subvencións as asociacións, que existen desde tempos inmemoriais; esta canción xa nos sona, como aquel plan único anticovid que era o mesmo de antes da covid”.
Os populares están convencidos de que “este goberno provincial pretende solucionar os problemas cambiándolles o nome”. Engaden: “Non vemos o que máis necesitan a día de hoxe os nosos hostaleiros, comerciantes, autónomos e pemes, que son axudas directas, que son as que dan outras administracións como a Xunta de Galicia ou tamén algunhas outras deputacións, como é a de Ourense. O resto, cremos que é fume. De verdade sentimos que sexa así. Estabamos expectantes diante deste plan, porque pensabamos que habería axudas directas”.
Castiñeira lanza un aviso: “Estaremos vixiantes para ver como se vai financiar, porque a día de hoxe non sabemos se son actuacións xa financiadas no ano 2021, nuns orzamentos aprobados hai dous meses. De momento, coa documentación que ten o PP, este é un plan de fume, de maquillaxe e que tenta tapar os complexos dun goberno da Deputación de Lugo que chega tarde a todo o que se lle presenta”.