O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, explica: “Vistos os acontecementos destes últimos meses, nos que a Deputación foi infelizmente protagonista de numerosos casos de pasividade na defensa do patrimonio provincial, o grupo popular vese obrigado a presentar unha moción para tentar cambiar a actitude do equipo de goberno neste sentido. A gota que colmou o vaso foi a demolición integral da Casa da Botica en Guitiriz, que estaba protexida; o goberno da Deputación converteuse en cómplice de tal despropósito ao non ter tomado ningún tipo de medida de protección a pesares dos avisos”. Castiñeira sinala: “Desgraciadamente ese non é un caso illado, dado que existen moitas edificacións sen uso nas que dun xeito ou outro a Deputación ten e tivo a potestade de mantelas. Isto é o que motiva esta moción que, aparte de expresar a preocupación xa manifestada, abre a posibilidade de crear un plan con financiación propia para levalo a cabo nos próximos anos”.
O portavoz popular destaca que “coa desaparición de Suplusa xa non hai escusas; a Deputación agora é a dona das propiedades e máis do remanente que posuía a empresa pública provincial, que, por outro lado sempre foi 100% da Deputación de Lugo. Este é o caso da Casona do Incio, semidestruída e abandona a pesares das peticións de veciños e da corporación municipal para que se arranxe, sen recibir contestación algunha favorable por parte do goberno provincial”.
Os populares indican que “o patrimonio provincial é amplísimo e xa non é que non estea ben conservado ou abandonado, coma nos casos antes citados, senón que hai moito no que se investiron fondos provinciais e que non están postos en valor pola desidia do goberno. Claros exemplos desta deixadez son as instalación fluviais en Quiroga, Chantada, Portomarín, Os Peares en Carballedo, etcétera; desgraciadamente están paradas e non están sendo aproveitadas, como veu denunciando o Partido Popular nos últimos anos”.
Castiñeira sinala: “Entendemos que debe deseñarse un plan que defina a totalidade do patrimonio e o seu estado actual e que prevea a corto e medio prazo un programa de recuperación e posta en valor, podendo ser financiado en parte cos case 4 millóns de euros que recibiu a Deputación de Lugo pola liquidación de Suplusa”.