Rodríguez lamenta a falta de interese do goberno municipal polo coidado da Atalaia. Lembra que no 2019 os populares xa presentaron un escrito no Concello avisando do mal estado en que se atopaba a balaustrada do miradoiro; a raíz dun recente temporal caeu parte dela, nunha zona na que habitualmente xogan os nenos. Rodríguez di que é urxente que se adopten as medidas oportunas para renovar a balaustrada e mellorar o pavimento, que ten moitas losetas mal asentadas.
O grupo municipal do PP considera preciso que o Concello elabore un estudo sobre o alumeado da Atalaia, co fin de repoñer as farolas que, unha vez feitas obras de melloras nos edificios, non foron instaladas de novo nas fachadas.
Por outro lado, os populares tamén demandan melloras no camiño que conduce ao porto dende a Atalaia. Neste caso, piden o desbroce das beiras, nas que actualmente hai abundante maleza. Igualmente, sinalan a necesidade de repoñer luminarias do alumeado, porque faltan algunhas e outras están avariadas.