Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro pide ao goberno local que inicie con carácter inmediato os trámites para evitar os asolagamentos na rúa Granxas

 Viveiro, 8 de febreiro de 2021. Os populares de Viveiro piden ao goberno local que inicie con carácter inmediato os trámites necesarios para subsanar os problemas de asolagamentos que presenta a rúa Granxas cada vez que chove. Esta circunstancia está a causar numerosas queixas entre os veciños da vila que, “ao final son os que pagan as consecuencias da xestión dantesca dos gobernantes que temos”, afirman dende o Grupo Municipal do Partido Popular viveirense.

O problema adquire unha maior trascendencia se se ten en conta que esta rúa dá acceso ao parque infantil, situado ao carón do paseo marítimo; o que provoca, explican dende o PP, que estas instalacións infantís tamén se vexan afectadas e permanezan incluso inservibles por mor da acumulación da auga que escorrega de dita rúa.

O voceiro da formación popular, Óscar Rodríguez, acompañado do edil José Soto, alertados polas queixas veciñais, desprazáronse recentemente ata dito lugar para comprobar in situ como esta rúa precisa unha actuación urxente por parte do Concello. “Non é de recibo, din, que se acumule tantísima cantidade de auga e que, mentras non drene esta zona, estea case que incomunicada”.

É, por este motivo, polo que os populares lle piden ao executivo local que escoite a súa reclamación, que non é outra que a demanda reiterada de moitos veciños. “Non o pedimos só nós, pídeno os cidadáns de Viveiro. O goberno local ten que actuar, xa que, do contrario, a situación irá a peor, pois tanta almacenaxe de auga por mor das frontes que están vindo, van provocar un deterioro do firme e incluso algún accidente ao circular por esta rúa”, conclúen.

Exit mobile version